Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Burela conta cun sistema de control para garantir que Urbaser cumpra coas melloras do contrato

Por 3 Agosto, 2020Sin comentarios

Constituído no Concello de Burela un sistema de control para garantir que Urbaser, a concesionaria do servizo de limpeza, cumpra coa totalidade das melloras que incluíu no seu contrato. O concelleiro de Obras e Servizos, Ramiro Fernández Rey, comentou que a cidadanía pode estar tranquila “porque en caso de que haxa algún tipo de incumprimento, evidentemente váiselle descontar da factura”.

O edil burelés explicou que “no Concello de Burela mantivemos unha xuntanza técnica entre a firma auditora que vai facer o seguimento da empresa de limpeza máis o técnico municipal que tamén vai auditar a oferta que presentou a empresa que gañou a licitación do servizo de limpeza, que é Urbaser, para garantir que esa oferta que fixo e todas as melloras que propuxo para o servizo se fagan efectivas e teñan un seguimento e un control”.

Fernández Rey dixo que “este sistema que estamos utilizando, que ía incluído nos pregos técnicos de contratación, é o mesmo que seguimos coa anterior licitación, cando a empresa concesionaria era Geseco, e trátase de garantir que todo o que ofertou Urbaser se leve a cabo e que non haxa ningunha desviación con respecto a esa oferta”.

O concelleiro de Obras e Servizos indicou que “a anterior concesionaria houbo un tempo no que non tivo contrato porque estaba caducado e tivemos que paralizar a contratación do servizo por culpa dun par de reclamacións, unha delas do Partido Popular, o que nos paralizou o proceso”.

Ramiro Fernández subliñou que “o que queremos é darlles tranquilidade aos veciños porque o servizo vai estar controlado, vaise prestar conforme á oferta que fixo Urbaser e garantir que se está pagando realmente polo servizo que se presta”.

E lembrou que “cando chegamos ao goberno, no 2015, tíñamos unha empresa que tivemos que expulsar, Celtaprix, que entrou en concurso de acredores e á cal non se lle facía ningún tipo de seguimento e non se garantía de ningunha maneira que facía realmente o servizo. Por iso cando nós tivemos a oportunidade de sacar a licitación o primeiro contrato, que foi o de Geseco dun ano máis outro de prórroga, quixemos establecer este sistema de control porque entendemos que garantiu que non houbera ningún tipo de fraude no contrato. E agora seguimos con este sistema e Urbaser vai ter dúas auditorías, unha externa e outra interna, de técnicos municipais, que evidentemente van estar en contacto e van facer un traballo conxunto. Polo tanto os veciños e as veciñas de Burela poden estar tranquilos porque en caso de que haxa algún tipo de incumprimento por parte de Urbaser, evidentemente váiselle descontar da factura todo aquel traballo que non faga dos que a propia empresa ofertou nos pregos técnicos”.