Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Sanidade permitirá a apertura dos dos locais de ocio nocturno

Por 5 Agosto, 2020Sin comentarios

A Consellería de Sanidade permitirá a apertura dos locais de ocio nocturno nos concellos da Mariña con restriccións de aforo. Así se lles comunicou aos alcaldes, logo da reunión co Comité clínico de expertos que se encarga de revisar a situación epidemiolóxica do distrito sanitario.

Deste xeito, os locais de ocio nocturno poderán volver abrir de xeito progresivo, aínda que terán que manter os aforos limitados ao 50% en interiores e ao 75% en terrazas, cando menos ata a semana que vén, cando se volva revisar a situación epidemiolóxica nos catorce municipios. As modificacións entrarán en vigor esta medianoite.

Segundo os últimos datos, o número de casos asociados ao brote inicial non creceron en máis dunha semana, e os casos que aínda están activos están en cuarentena, illados e controlados. Deste xeito, os concellos de Alfoz, Barreiros, Burela Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove terán dende agora que cumprir a mesma normativa que no resto de Galicia.

Efectividade das medidas de reforzo
Dende a Consellería de Sanidade quérese destacar a efectividade que tiveron as medidas de reforzo adoptadas dende o pasado 5 de xullo no distrito sanitario da Mariña e que foron reducíndose paulatinamente, logo de ver as melloras na situación epidemiolóxica da zona.

Sanidade recoñece o traballo do conxunto de concellos e institucións da Mariña polo seu labor nas tarefas xestión, coordinación e limpeza de cada un dos catorce municipios. Así mesmo tamén agradece a colaboración e o nivel de responsabilidade amosado por parte de toda a súa poboación.

Cómpre aínda así, insistir de novo na obrigatoriedade do emprego da máscara en todo momento, tanto en espazos abertos como en espazos pechados, poñendo especial énfase no seu uso nos locais de hosteleria, onde é obrigatoria en todo momento, agás no intre específico consumir. Lémbrase tamén que as persoas que visiten Galicia e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.