Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O PP pregúntase porque o Concello non repara o pavimento dunha vía en Covas

Por 6 Agosto, 2020Sin comentarios

“Hai entre os veciños de Covas algúns que sospeitan que se hai algunha razón para que o Concello de Viveiro non repare o acceso á igrexa parroquial de Covas ten que estar baseada en criterios ideolóxicos; hai quen sospeita tamén que o goberno municipal mantén a citada vía no estado no que se atopa precisamente porque da servizo ao templo”, din dende o PP viveirense.

O mal estado desta vía xa foi obxecto dunha iniciativa municipal do PP en decembro do ano pasado; de nada serviron os argumentos expostos polos populares e o Concello, presidido pola socialista María Loureiro, non fixo aínda mellora algunha. O PP insiste en que “é necesario que o goberno municipal abandone a zona de confort na que está instalado e atenda as necesidades dos veciños e, en concreto, repare o acceso á igrexa parroquial de Covas”.

O grupo municipal popular, que ten por portavoz a Óscar Rodríguez, destaca que esta vía que dá acceso á igrexa de Covas é moi transitada. Os veciños quéixanse de que a calzada é unha sucesión de fochancas, que fai moi incómoda, e nada segura, a circulación de vehículos a motor; para os peóns resulta sumamente molesto camiñar por esta vía debido ao mal estado do pavimento. Rodríguez di: “É unha falta de respecto aos veciños que o Concello non repare o pavimento do acceso á igrexa parroquial de Covas”.

Os concelleiros populares sinalan: “Sen maior motivo para presumir de resultados electorais, como se viu nas pasadas autonómicas, á alcaldesa gústalle dicir ao noso grupo: “A ustedes se les quejan y a mí me votan”. Pois mire, se nos dan as queixas pola súa deficiente xestión é porque os veciños padecen moitos problemas que debe resolver o Concello, gobernado por María Loureiro, e non resolve. En canto á cuestión dos votos, recomendámoslle que mire ben os resultados e saque conclusións. Pero, de momento, nós facémonos eco das queixas dos veciños e reclamamos de vostede e do seu goberno que amañe o acceso á igrexa de Covas. E cando chegue o momento que decidan os propios veciños quen estivo con eles e quen gobernou contra eles”.