Apelación á prudencia

Por Noelia Castro Yáñez

O sentidiño seica é a fariña de tódalas salsas, aplicable a calquera contexto imaxinable. E crédeme se vos digo que agora o precisamos en cantidades industriais, porque que sen industria non hai futuro, sábeo ata o apuntador. Pero tampouco sen ciencia nin sen investigación, e aquí, as miñas dúas liñas reivindicativas, porque o bo, se breve, dúas veces bo. E tampouco fai falla moito mais que dicir. Rezo por un pouquiño de sentido común, que non é o mais común dos sentidos. Non podo comezar doutro xeito mais ca apelando á prudencia de cada un de nós, porque debemos amosarnos empáticos e ser conscientes da responsabilidade que temos como individuos en sociedade. Porque non hai mellor lección ca dar un bo exemplo, e eso que non son nai, pero sonche filla.

Por eso de que nos acabamos parecendo a aquelo que nos aplauden, cómpre escoller con tanto mimo a quen nos vai a aplaudir.

Lerte produce en min o mesmo ca cando remato de ler a columna de Pérez-Reverte. Moito rollo para non dicir nada.

A isto me refiro. Á crítica constructiva. Por un lado dinme que carezo de mensaxe, pero por outro, que lerme esperta as mesmas emocións ca ler ao escritor de “El Capitán Alatriste”, salvando as distancias, engadiría a miña humildade. E dou boa conta do primeiro, porque en realidade, escribir para min é como pasar a sucio os meus pensamentos. Como roubarlle a calderilla a todas cantas historias me pasan no día. Coido que se reunise todos os textos, sería unha especie de diario mal contado, pero tampouco teño outra pretensión. Porque a ambición aquí, coma na maioría de espazos, non ten lugar. Coma “Rayuela” de Cortázar, nada lineal, o mesmo da ler primeiro o artigo de maio co de outubro, agás por algunha referencia escoitada no parte das nove. Outorgándolle ao lector a capacidade de admirar sen prexuízos a todos cantos aquí aparecen, ou a todos cantos se dan por aludidos, que non é o mesmo malia que o pareza. Porque di Wislawa Szymborska que o que amamos son as diferenzas e non as similitudes. E pode que teña razón, aborrezo coincidir coa mesma chaqueta de Zara co noventa por cento da poboación da comarca. 

Véxome na obriga de felicitar ao meu alumnado que rematou a ABAU, e sei que me len, porque lles mando calar cando me felicitan por algún texto porque me da moita vergoña. Porque a media de sobresaínte da boa conta de que o fixemos ben. Porque ante a dúbida, o traballo e a constancia sempre son a resposta correcta. Sen precisar o comodín da chamada. As circunstancias obrigáronnos a cambiar o xeito de traballar, pero nunca as expectativas. Puidemos mudar a forma das clases, pero xamais rebaixar os obxectivos. Aprender sempre é saída. Porque “Vivo para aprender. E ensino para vivir” Pero todo esto non me cabe dúbida que foi grazas a vós. Ao voso esforzo e ás vosas ansias por aprender. Porque se é difícil manter a vosa atención de maneira presencial, imaxinádevos tras dunha pantalla. Para min tamén supuxo un reto e un golpe de realidade. Moito desto último. Poñédelle paixón ao que fagades, porque soamente ides a triunfar naquelo que vos guste. E non vos comparedes con ningúen, nin entre vós nin co que vedes nas redes sociais. Porque vos prometo que non conduce a nada e porque o que se proxecta ao exterior nada se asemella á realidade. Porque parece que todos gañan mais ca vós, que todos son un chisco mais felices, que viaxan mais e se esforzan menos. Prometido que non é certo.

Tomade xeado á tardiña en Peizás. Lede moito e ben. Quedade con amigas e poñede a mascarilla. Escoitade música, a que vos guste, non a que vos impoñan. Viaxade, na realidade e nos soños. Marcádevos metas para cumprir e outras para mandalas tomar vento por irreais. Mercade gominolas no quiosco da Rapadoira e saíde facer deporte. A vida é moi curta como para ter que vivila postureando en Instagram. As mellores noites merecen historias, pero no recordo.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: