Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O PP esixe a reapertura do mercado quincenal de Viveiro

Por 10 Agosto, 2020Sin comentarios

O mercado quincenal de Viveiro é unha referencia para os comerciantes ambulantes; no seu momento, por causa da pandemia provocada pola covid-19, como os demais, foi suspendido. A día de hoxe, o Concello aínda non considerou oportuno reabrilo, mentres que si o fixeron os das localidades do entorno. O grupo municipal de Viveiro demanda do goberno municipal a inmediata reapertura deste mercado.

O grupo municipal popular indica que a crise sanitaria abriu unha crise económica que todos os sectores produtivos se afanan en superar, con todas as dificultades que implican as medidas sanitarias que é preciso respectar para evitar contaxios. O sector do comercio é especialmente sensible na actual situación, e, dentro del, máis aínda o da venda ambulante. Os numerosos comerciantes que acoden aos mercados quincenais de Viveiro non poden esperar máis, teñen que recuperar a súa actividade, porque é da que viven.

O portavoz popular, Óscar Rodríguez, di que non se entende que, mentres nas localidades dos arredores de Viveiro xa están abertos os mercados de rúa, siga pechado o da cidade do Landro, que é dos máis importantes, senón o máis importante. “Estase prexudicando innecesariamente aos vendedores, que precisan traballar para xerar os ingresos que necesitan para vivir; son moitos os que demandan a reapertura e din que xa non poden esperar máis”.

Os populares instan á alcaldesa, María Loureiro, a tomar as decisións necesarias para reabrir o mercado quincenal e para que reúna as condicións de seguridade que impoñen as actuais circunstancias, que impón a “nova realidade”.