Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello de Ribadeo pide civismo á cidadanía tras os danos no Cargadoiro

Por 12 Agosto, 2020Sin comentarios

O concelleiro de Medio Ambiente de Ribadeo, Jorge Díaz Freije, pide civismo e colaboración á cidadanía co fin de evitar danos coma os ocasionados esta pasada fin de semana na área recreativa do Cargadoiro, onde foron rotas papeleiras e tamén dispensadores de xel hidroalcohólico. Ademais apareceu moito lixo esparexido pola zona. O edil ribadense fai tamén unha chamada aos hostaleiros para que non saquen o lixo a media mañá e lémbralles que o vidro debe depositarse a granel e sen líquido nos contedores habilitados para este fin e nos horarios establecidos.

Díaz Freije dixo que “nestes días que estamos a vivir en Ribadeo, que hai moita afluencia de xente afortunadamente, esperemos que siga así, que todo siga ben con saúde e moderación, veño pedir un pouco de civismo e colaboración da cidadanía por varias cuestións. Este fin de semana pasada houbo desperfectos na área do Cargadoiro. Rompéronse papeleiras e dosificadores, entón chamo á cidadanía a que colabore o máximo posible. Tamén apareceu moito lixo tirado nesa zona. Temos papeleiras, contedores e todo tipo de mobiliario para depositar os residuos e non deixar todo ciscado, como foi neste caso no Cargadoiro”.

O concelleiro de Medio Ambiente manifestou: “tamén quero dirixirme e insistir neste caso coa hostalería e co horario de tirar o lixo. Non se pode tirar ás doce da mañá, como estou vendo que algún local está a facer. O lixo no verán hai que sacalo pola noite, para evitar cheiros innecesarios nas rúas de Ribadeo. Con respecto ao vidro recordar que hai que deposítalo a granel coas botellas baleiras e durante o horario estipulado para iso”.

O edil nacionalista engadiu que “no tema do cartón puntualizar tamén que temos un servizo porta a porta e se é necesario que o utilicen hai o teléfono 661 210 100, que está na páxina web do Concello, poden solicitalo e a empresa irá os martes ou os xoves pola tarde. Terían que deixar o cartón ben pregadiño e xa o recollerían. Digo isto porque están aparecendo contedores ateigados de cartón, que é ou ben de comercios ou de hostalería e os contedores están enfocados para o particular. Así que o servizo recollida porta a porta é o que deben empregar os negocios de Ribadeo, é gratuíto e quero lembrar que está a disposición dos establecementos”.

Jorge Díaz Freije recalcou: “pedimos a máxima colaboración a toda a cidadanía nestes días nos que somos máis, e benvidos cada vez máis. Aos que estamos e aos que veñen lles pido que colaboren o máximo posible, que é como se chega a bo fin”.