Skip to main content
ActualidadeBarreirosSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Polbeira Mario de Viveiro: “Contamos co servizo de comida para levar, que está funcionando moi ben”

Por 13 Agosto, 2020Sin comentarios

Canto tempo fai que abriron ou se asentaron en Barreiros?

Atopámonos na praia de Coto de Barreiros e abrimos o 2 de xullo e ata o 31 agosto pero co rebrote plantexamos alongar ata a primeira quincena de setembro.

É esta a súa primeira iniciativa empresarial?

Eu contaba e conto cunha polbeira ambulante na que levo 12 anos, 6 como encargado e 3 como sociedade co irmán do meu xefe, pero este ano quedei eu só coa xerencia 100%. O que nos adicamos é a ir de festa en festa… pero co estado de alarma contemplamos a posibilidade de aproveitar este verán asentándonos.

O nome seguímolo conservando porque sempre foi o nome comercial da empresa e ademais é a terceira xeración de Marios. Mario era un señor de Viveiro e que foi o dono inicial, o pioneiro que iba polas festas e feiras fai 30 ou 32 anos. Así que deixamos o nome na súa homenaxe e porque a xente nos coñece así e síguenos dando moito tirón.

Por que escolleron esta zona?

Barreiros é unha zona nova para nós, é unha zona que nunca a traballaramos antes. É unha zona con boas características xa que conta con praias longas, a praia das Catedrais está moi preto e é un atractivo turístico enorme, tamén atópase nunha posición moi céntrica para nós xa que coa polbeira ambulante traballamos moito a zona de Asturias e tamén traballamos moito as feiras de Mondoñedo, Viveiro, etc.

En qué se diferenza esta polbeira? Cal é a súa particularidade?

Nós destacamos polo polbo primordialmente e tentamos poñer o 200% do que sabemos facer nel, pero tamén contamos con outros pratos polo tema de darlle máis pulo ao local e á comida de praia como as zamburiñas, os chocos, ventresta de bonito… Porque os nosos pratos en feira son polbo, xamón cocido, pincho moruno e as luras. Ademais elaboramos todos os nosos produtos que son frescos, é dicir, non son prefabricados, a carne mercámola a Cárnicas o Mazo de Riotorto e nós adobamos, cortamos e facemos.

Que demanda a clientela da praia?

Neste tempo de praia o turismo pide moito os chocos á prancha e as zamburiñas, pero a nosa clientela ten ganas de feira, a xente que nos coñece é moi tradicional. A nosa ración de polbo é a 15 euros e é unha ración xenerosa e tan só polbo, non enganamos a ninguén, nós non vendemos patacas a precio de polbo, é dicir, o que queira patacas que as pida xa que por exemplo noutros sitios poñen unha cama de patacas e tres talladas de polbo por riba.

Que horario cubren?

O noso horario é de 12 da mañá a 01.00 da noite, pero o característico é que a nosa cociña funciona todo o tempo, pódese vir ás 15.00 horas ou ás 23.00 horas, de luns a domingo.

Que servizos ofrecen?

Contamos cunha terraza de 300 metros e unha carpa cuberta tamén de 300 metros. Ademais non é necesario reservar, cando se libra unha mesa pasa outra. Se é un grupo grande pódese chamar para ternos en preaviso pero non é necesario nin fundamental xa que contamos cun amplo espazo.

Contan con algunha novidade?

Agora mesmo contamos co servizo de comida para levar, algo que nos está funcionando moito e moi ben. Así, a xente pode subir da praia e levar unhas racións para xantar, ou as comidas e reunións familiares que encargan o xantar. Así, nun intre levas os pratos feitos e quentes. Tamén facemos servizo de catering, e temos as nosas propias carpas, con mesas, decoración… Esto solémolo ofertar en outono e inverno xa que sempre hai algunha celebración, unha voda, un evento dalgún Concello…. e cada vez hai máis porque o hándicap que ten o noso negocio son os horarios, e unha voda ou un evento teñen o seu propio horario. Ademais estannos chamando moito para eventos en fincas privadas, vodas, comuñóns en casas, etc.

Algún proxecto de cara ao futuro?

De cara aos vindeiros anos poderíamos pensar en seguir coas feiras e co local de Barreiros, todo vendo como vaia este verán e a crise sanitaria. Vemos que está funcionando, e non sería mala idea a de compaxinar as dúas liñas de negocio. Nós adicábamos e adicarémonos ás feiras e esperamos que continúen a pesar desta situación que estamos a vivir.

De cara ao tema de tranquilidade polo coronavirus?

Nós contamos cunha amplitude nas mesas, non hai ningunha silla nin ningún comensal que estea sentado ou pegado a menos de 1,50 metros doutra. E queremos lembrar aos usuarios que hai que poñer máscaras e que hai unha seguridade e unha garantía sanitaria moi forte. Coa normativa do covid-19 levamos moi a raxatabla as normas pola nosa saúde e a dos clientes.