Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

14 clubs deportivos ribadenses recibirán subvencións este ano

Por 14 Agosto, 2020Sin comentarios

O Concello de Ribadeo asinou un convenio con 14 clubs deportivos ribadenses para a concesión das subvencións nominativas neste 2020. O montante total ascende a 46.000 euros. O Concello recorreu este ano a esta modalidade para intentar axilizar a xestión das devanditas axudas.

O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz Freije, declarou que “desde a Concellería de Deportes vimos de asinar hoxe un convenio con todos os clubs deportivos de Ribadeo. Sería para este ano con subvencións nominativas, o que supón que poderían acceder a un adianto desa subvención ata o oitenta por cento. Estamos falando dunha cantidade en torno a 46.000 euros en total, no que ten que ver coas axudas nominativas. Outro apartado é o que xa se está xestionando, que é a competitiva do 19, que vai incluída co capítulo extraordinario no presuposto deste ano 2020, que serían outros 30.000 euros en total, porque vai todo neste mesmo orzamento, diversificado con distintas pautas, pero vai todo para os clubs este ano”.

O edil nacionalista subliñou que “desde o Concello de Ribadeo estamos a apoiar o deporte, sobre todo o base que é polo que sempre apostamos. Dicir que os clubs sexan cautos este ano e que pidan o que poidan xustificar. É un ano extraordinario para o deporte tamén. Desde o Concello seguimos apoiando o deporte, sobre todo base pero tamén loxicamente a competición”.

Jorge Díaz engadiu que “con toda esta cantidade económica que son sobre 80.000 euros, entre as competitivas e as nominativas do 20, pretendemos reforzar os clubs para que a xente siga facendo deporte, para que os nenos e nenas sigan practicando deporte en Ribadeo nos diversos clubs, facetas e versións do deporte. Esperemos que pronto poidamos ter unha normalidade deportiva, que poidamos disfrutar todos como víñamos disfrutando ata o de agora. Quero dar as grazas aos clubs polo seu apoio ao deporte. O Concello está a disposición deles sempre que o necesiten, onde poidamos e como poidamos sempre axudando”.

O concelleiro explicou que “este ano, para que a xestión de todas estas subvencións sexa máis áxil e non haxa tantos problemas á hora de xustificar, decidimos poñelas nominativas. Este é un sistema que cremos que aos clubs lles vai axudar na forma de xestión máis rápida e concisa para que non haxa tantos problemas á hora de xustificar, porque os cartos son de todos e hai que levar as cousas cos criterios económicos e técnicos que se marquen. Pero que con esta iniciativa agardamos que aos clubs lles sexa todo un pouco máis fácil e o deporte siga sendo unha das armas da educación”.