Skip to main content
ActualidadeO VicedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A Asociación Nordés organiza a X edición das Xornadas Memoria dun Tempo

Por 18 Agosto, 2020Sin comentarios

A Asociación Nordés organiza para os días 20, 21 e 22 de agosto a X edición das Xornadas Memoria dun Tempo, versión covid-19, que ven a ser plantexada e levada adiante despois dun proceso de debate sobre a realización ou suspensión deste encontro anual coa memoria histórica no Ortegal e A Mariña.

Unha vez decidida a súa continuidade, hai que dicir que o formato pode variar segundo a evolución da pandemia, estando suxeito ás disposicións das autoridades en materia de reunións e actos e, por suposto, tendo en conta en todo momento as recomendacións sanitarias para evitar contaxios.

Deste xeito, as conferencias previstas para o xoves 20 e venres 21, que serán transmitidas polo facebook de Nordesfaladora, terán aforo limitado a 28 persoas coa obriga de levar posto tapabocas e atender a disposición de postos, polo que será preciso reservar ben poñendo mensaxe ao enderezo electrónico asociacion.nordes@gmail.com, ou chamando ao número 628 566 900. As prazas libres cubriranse por orde de chegada.

Para esta edición contaremos coa participación ás 19.30 do xoves 20 de Emilio Grandio, Profesor Titular de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, e Eliseo Fernández, historiador ferrolán e grande coñecedor da historia do anarquismo na Galicia, quenes farán unha exposición que leva por título Democracia e violencia na II República, relacionada coas súas derraderias investigacións e publicacións.

O venres 21, pero ás 20:00 hras, tomará o relevo o Francisco Leira Castiñeira, doutor en Historia pola Unversidade de Santiago de Compostela, e premio Miguel Artola, coa tese: La socialización de los soldados del ejército sublevado (1936-1945), quen nos achegará co seu relatorio “Víctimas do recrutamento forzoso do exército sublevado” ao que foi unha realidade nas nosas bisbarras e en toda Galicia: a incorporación obrigada ao exército golpista de milleiros de homes nunha disxuntiva na que a vida e a morte non se tiña por segura fose cal fose a elección.

Dicir que baixo reserva poderase mercar o libro de Francisco Leira Soldados de Franco. Reclutamiento forzoso, experiencia de guerra y desmovilización militar, quen asinará exemplares ese mesmo día.

Para rematar, o sábado 22 ás terá lugar a tradicional homenaxe a republicanos e libertarios na ponte vella de O Barqueiro, acto aberto no que todo o mundo pode participar dando a súa testemuña, lendo poemas, cantando cancións, ou simplemente facendo acto de presencia. Agardámosvos.