Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Rematan as obras para a elevación do gálibo nas pontes de Foz

Por 19 Agosto, 2020Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, deu conta hoxe do remate dos traballos realizados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) para aumentar o gálibo en tres pasos superiores que cruzan a estrada N-642 no concello de Foz.

Esta actuación ten por obxecto elevar a un mínimo de 5 metros o gálibo nesas pontes  para facilitar o tránsito de camións de gran envergadura pola estrada N-642 e evitar a repetición de desperfectos motivados pola baixa altura que tiñan esas estruturas.

Os traballos de elevación do gálibo remataron a pasada noite, un día antes do prazo previsto, na ponte situada no km 33,000 da N-642, polo que a próxima noite xa non será preciso cortar a vía e desviar o tráfico na zona.

Os labores, de grande complexidade técnica, desenvolvéronse sempre en horario nouturno para minimizar no posible o impacto na circulación pola devandita estrada.

Para concluir este proxecto, quedan pendentes agora algúns traballos de remate previos á apertura ao tráfico dos viarios que discorren polas devanditas pontes. Concretamente, eses labores consisten no recrecido dos estribos e posterior recheo, a reconstrución de beirarúas e varandas e a posterior pavimentación. Nalgún caso tamén será necesaria a reposición dunha liña eléctrica por parte da titular da mesma, que se executará nesta semana.

Co aumento do gálibo nestes pasos superiores complétase unha actuación realizada polo Mitma en catro pontes existentes na N-642 ao seu paso por Foz, situados nos puntos kilométricos 29+700, 32+300,33+000 e 33+900. O investimento total que realiza o Ministerio de Transportes neste proxecto é de 615.862 euros.