Skip to main content
ActualidadeLourenzáSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O PP de Lourenzá urxe ao Concello o desbroce no municipio

Por 20 Agosto, 2020Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP en Lourenzá, Javier Rodríguez Barrera, lamenta que “o PSOE despois de cinco anos no goberno culpe ao PP dos problemas cos desbroces” e urxe ao goberno local a xestionar e planificar adecuadamente os labores de roza no termo municipal e “non botar a culpa de todo aos demais”.

Rodríguez Barrera lamenta que “o tractor do Concello estea sempre parado” e que, “dende o goberno local o único que fixeron nestes cinco anos en relación aos desbroces foi queixarse”. Pero, “o da herdanza recibida xa non cola”, manifesta.

Falando de herdanza, asegura o popular que “o actual goberno deixará aos que veñan detrás un auténtico ermo” e como exemplo cita que “o goberno do PSOE de Lourenzá adquiriu un tractor novo no marco cun convenio co Concello de Trabada. E, despois de romper o convenio, continúan pagando o segundo semestre do ano 2019 a pesar de non facer uso do tractor nin do chofer que lle correspondería ao municipio de Lourenzá”.  Critica, polo tanto, que “o goberno local gastou 36.000 euros no ano 2019 da parte dun tractor que non se usou e, aínda por riba, rematou por botar man dunha empresa privada que fixo o traballo correctamente, todo hai que dicilo, para sacarlles as castañas do lume”. Pero, “iso non é xestionar ben os cartos de todos”, considera o voceiro do Grupo Municipal Popular.

Javier Rodríguez Barrera indica tamén que “a día de hoxe aínda hai moitas estradas sen rozar e, como lles dixemos no pleno, levan así máis dun ano. O concelleiro de obras e tenente de alcalde explicou na sesión plenaria moitas cousas sobre o servizo entre as que sinalou como razón para que a estrada provincial LU-P-2804 que vai dende o Pedrón á Cazolga fose a primeira en rozarse nas últimas dúas temporadas é que pasea moita xente por ela”. Nese sentido, o popular considera “pouco ético que se limpe antes que outras de titularidade municipal polas que tamén pasea a xente. Ademais, ao pouco de rozala, volveuna limpar a Deputación. Polo tanto, limpouse catro veces nun período dun ano e dous meses mentres que outras estradas que dan servizo aos veciños teñen que esperar”. O popular indica que “agora se dedican a poñer fotos do que rozan coma se fose un logro” e recórdalles que “facer o seu traballo non é un logro é unha obriga”.

O voceiro popular lamenta tamén “a falta de previsión” porque “as áreas recreativas tiñan que estar xa rozadas en maio cando a xente puido empezar a saír tralo confinamento”. E critica tamén a “mala xestión do PSOE en Lourenzá que provocou que non dispoñamos dunha brigada contra incendios por mil escusas que so cren dende o equipo de goberno”, conclúe.