Skip to main content

Foz acolleu onte á tarde a inauguración da Feira do Libro, unha das citas incluídas no calendario de Feiras de Galicia 2020 que se celebrará na praza de Conde Fontao ata o domingo 23 de agosto coa participación dunha decena de autores así como cinco librerías e editoriais institucionais. Está organizada pola Federación de Libreiras e Libreiros de Galiza coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo, do Concello de Foz e da Xunta de Galicia.

A cita de Foz, igual que o resto das que se están a celebrar en Galicia, está adaptada ao contexto da covid-19, ofrecendo unha actividade á altura do sector editorial galego e que, ao tempo, sexa segura grazas ao traballo da Federación de Librarías de Galicia e a disposición  da decena autores que estes días asinarán exemplares, entre os que se atopan Manuel Portas, Mª Xosé Porteiro, Antía Yáñez e o cronista oficial de Mondoñedo,  Antonio Reigosa, entre outros.

Esta nova edición da Feira do Libro estará aberta entre as 17,30 e as 22,00 horas. Ademais, contarán cun espazo propio as librarías e editoriais Cortizas, Aenea, Padre Feijoo, Bahía e a Deputación de Lugo.

Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, participou na inauguración e valorou o “empeño e interese das librarías en buscar solucións imaxinativas para seguir mantendo estas feiras” e “achegar os libros ás rúas e prazas das vilas e cidades de Galiza”

O Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo conta coa súa propia caseta na feira. O posto é un escaparate para as publicacións que edita o servizo, centradas en temas de interese provincial que pasan esencialmente pola historia, a xeografía, a etnografía, a arte, os estudos literarios, a arqueoloxía, o turismo, o patrimonio cultural material e inmaterial e a divulgación das actividades e estudos xerados polos centros culturais da institución como os museos provinciais.

A memoria mergullada. Fotografías de Portomarín 1952-1963, de José López López; Cervantes, un concello con historia, de Pilar Carpente e Xabier Moure ou Aldeas e vales da Serra de Ancares. O territorio desde dentro, de Vanessa Fernández, son algúns dos últimos traballos editados polo Servizo de Publicacións.