Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Cultura da Deputación saca unha nova liña de axudas para espazos culturais

Por 21 Agosto, 2020Sin comentarios

O departamento de Cultura da Deputación Provincial pon en marcha un nova liña de axudas para acondicionar e equipar espazos de uso cultural, cun importe de 100 mil euros. As achegas están dirixidas a asociacións sen ánimo de lucro, que ao longo de 2020 realizaran ou vaian realizar traballos de mellora e reforma en locais que teñan en propiedade ou cedidos ou adquiriran equipamento novo.

A vicepresidenta e deputada de Cultura Maite Ferreiro explicou que se trata “dunha convocatoria nova coa que se pretende promover a creación de espazos culturais de proximidade, que permita programar actividades por todo o territorio, preto da xente”. Segundo dixo, “é unha liña que se ía poñer en marcha en calquera caso pero coa situación creada pola Covid e as recomendacións de actos pequenos, con aforos reducidos, faise incluso máis oportuna”.

A vicepresidenta adiantou que “nos vindeiros días sairá adiante tamén a liña habitual, de axudas de concorrencia competitiva para actividades das asociacións” e subliñou que “a área de Cultura é, canda os concellos, o principal piar do tecido asociativo, e neste ano de tantas dificultades para a cultura na que moitas actividades se están a suspender pola situación sanitaria, resulta especialmente necesario manter este fluxo de recursos”. “Cremos que é fundamental para a superviviencia e a continuidade das asociacións”, remarcou.

Axudas entre 600 e 3000 euros

As axudas, que se poderán solicitar a partir da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, oscilan entre os 600 e os 3.000 euros. As asociacións beneficiarias deberán achegar como mínimo o 5% do investimento a realizar en reformas ou compra de equipamento.

Na avaliación das solicitudes terase en conta aspectos como a calidade e o interese da actuación a realizar, a implantación e arraigo da asociación como entidade cultural, o seu grao de execución e xustificación de proxectos subvencionados anteriormente ou a dispersión territorial e pobocional do concello no que estean asentadas, primando neste caso as entidades de municipios de menos de 2.000 habitantes.