Skip to main content

Unha brosa é como lle chaman na Mariña, “e creo q no occidente asturiano a un machado”, din os membros desta banda, Ber, Rubén, Xacobe e Gara.

O grupo empezou no 2009, Bernardo e Rubén xa estiveran tocando xuntos facía tempo e sempre lles rondara pola cabeza montar un grupo de rock and roll. A mediados no 2009 deuse a circunstancia de que ningún dos dous andaba en ningún grupo así que decidiron montar The Brosas.

Despois engadiron a Gara no 2011 e 6 anos máis tarde Xacobe uniuse a eles. Ber e Rubén tocan a guitarra ademais de cantar, Xacobe é o baixista e Gara o batería.

O nome tan peculiar foi porque “estabamos a buscar un nome orixinal e por suposto en galego. E a palabra brosa pareceunos bonita e molona así que decidimos usala“, engade Rubén.

Os catro membros son a mistura da Mariña lucense, xa que Bernardo é de Burela, Xacobe e Rubén de San Cibrao e Gara de Cervo.

Este grupo xurdiu como “todos” segundo eles, “un amigo, un curmán maior, o irmán maior dun colega que che pasa unha cinta de casete gravada e xa está, ao momento non podes parar de imaxinarte tocando aquilo”, din, “despois chega a época de aforrar e de suplicarlle aos teus pais que che compren o instrumento que che gusta”.

Estes catro rapaces seguen xuntándose para tocar nun local en Burela, no que recoñecen que é unha sorte que sexa dun dos membros xa que ao principio sempre é unha complicación polo barullo que se forma.

Lembran de maneira moi divertida os primeiros momentos ou ocasións “moi divertidos, case pasabamonos máis tempo falando e coñecéndonos que tocando”, ademais de con moita ilusión, de ver como se ían amoldando uns aos outros, como ían saíndo as primeiras cancións, ir decidindo o que lle gustaba, etc.

A súa música definida como rock and roll ou punk rock, “tampouco é que nos importe moito pero non somos nada experimentais nese aspecto, facemos o que nos gusta, é o levamos escoitando toda a vida“. Dende un comenzo decidiron facer cancións propias, “está moi ben tocar versións de temas que che flipan pero non hai nada como a satisfación de tocar un tema propio, que fuches facendo pouco a pouco, e véndoo medrar”, engaden.

The Brosas non son noveles xa que contan con tres traballos editados. O primeiro foi un “split” con unha banda de Coruña, Bulldozers, que saiu no 2010. Despois no 2012 sacaron o seu primeiro disco longo e no 2017 sacaron o segundo. Os dous últimos traballos están editados polo selo compostelano Lixo Urbano.

Tamén lembran especialmente a primeira actuación fronte ao público, “como para non lembralo, foi un gran día”, esbozan un sorriso, “foi no festival Arreaocabo no 2011, en Celeiro. Aos do festival caéuselles unha banda a última hora e por mediación dun amigo chamáronnos”. Tiñan moitos nervos, o que é normal nunha primeira actuación, pero sobretodo tiñan gañas de divertirse e de desfrutar. E todo saíu ben.

Tamén están a preparar concertos, aínda que por cuestións laborais está todo un pouco parado. “Tocamos moito menos do que gustaría pero algo vai saíndo, pois sempre lembramos con moito cariño a primeira vez que fomos tocar a un local de Ferrol, o Chimarrao, sobretodo pola xente, moi bo trato, moitas amizades feitas e con esa xente un festón. Despois tamén lembramos con cariño o concerto en Gaztaño en Orereta en Euskadi”, di Rubén.

Para este verán teñen pouca cousa programada xa que tiñan pechados un par de concertos para agosto pero por culpa da pandemia víronse na obriga de cancelalos. “Estamos a espera de que saia algo, pero se non sae tampouco pasa nada, o máis importante é a seguridade e a saúde da xente”.

Estes catro músicos teñen claro que de momento non poden vivir desto, “mal iríamos se tivésemos que vivir dos The Brosas, de feito fai anos que teriamos morto de fame”, rin. Na banda hai profesións para todo os gustos: un escaiolista, un xardiñeiro, un electricista e un operario de fábrica, “como podedes ver todo glamour”, rematan dicindo entre risas.