Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAXoveZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Denuncian unha cacería de lobo en Xove

Por 30 Agosto, 2020Sin comentarios

Ecoloxistas en Acción Galiza e Petón do Lobo denunciaron a cacería autorizada pola Xunta de Galicia para facer unha batida de lobos en Xove.

“As escopetas suman máis cós criterios científicos na matanza do lobo”, din dende a asociación. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, que xestiona Belén do Campo e o departamento da conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vázquez, “guíanse por criterios populistas e apártanse dos informes técnicos, para autorizar a cacería do lobo na xornada de hoxe en Xove”.

Así a Dirección Xeral de Patrimonio Natural autoriza a cacería, actuando en contra dos criterios científicos e dos informes técnicos do propio servizo de Patrimonio Natural, que constata a ausencia total de medidas preventivas, pese a que os danos lévanse producindo dende hai máis dun ano.

A responsable da conservación do patrimonio natural, a directora Belén do Campo “contradí ademais o Plan de Xestión do Lobo, segundo o cal Xove atópase na Zona 3, establecendo como criterios necesarios para autorizar a caza do lobo a existencia de medidas de prevención; e en todo caso, o encargado de abater un exemplar sería o persoal da Consellería, nunca cazadores”, engaden.

Así, o 7 de agosto de 2019 e de novo o 18 de xuño deste 2020, as entidades ambientais Rebinxe e Grupo Lobo Galicia informan por rexistro nun informe científico-técnico da situación do grupo familiar de lobos establecido dende hai tempo na zona, advertindo ademais da desprotección das reses de gando menor e recomendando unha serie de medidas preventivas sinxelas e de baixo custo para implementar de urxencia e facilitar así a coexistencia co lobo.

“Se ben se entende o dano que produce aos propietarios dos animais, sen embargo a administración debe velar polos intereses xerais, garantindo a conservación da especie e ao mesmo tempo dotando de axudas e información aos gandeiros da zona. Non obstante, a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia responde coa indiferencia e o silencio como resposta. Débelle de parecer que as escopetas suman máis cós criterios científicos”, din Ecoloxistas en Acción Galiza.

Estas dúas asociacións xa solicitaron tanto ao Seprona como a Fiscalía de Medio Ambiente de Lugo e á propia Consellería a suspensión inmediata da matanza á que se están sumar as distintas organizacións ecoloxistas e ambientais.