Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Na procura de emprendemento innovador no sector mariño-marítimo

Por 30 Agosto, 2020Sin comentarios

Impulsar unha ducia de proxectos de emprendemento no sector mariño-marítimo é o obxectivo do proxecto europeo Sherpa do Mar, no que toma parte a USC, e que pon en marcha as denominadas Sherpa Journeys, un programa de apoio e acompañamento personalizado ao emprendedor co que axudar ás persoas participantes a desenvolver as súas ideas de negocio, mellorar o seu nivel de desempeño emprendedor, así como a competitividade dos propios proxectos. A convocatoria permanece aberta a través deste formulario en liña ata o vindeiro 15 de setembro.

Baixo o paraugas de Sherpa do Mar desenvolveuse unha pormenorizada metodoloxía de apoio personalizado ao emprendedor. Como parte da mesma, o principal obxectivo desta convocatoria é a identificación e posterior selección de proxectos de emprendemento innovadores, baseados en coñecemento científico-técnico e que contribúan a cubrir unha necesidade do sector mariño-marítimo.

Da selección dos proxectos encargarase o Comité de Avaliación do programa, formado por persoal designado polos socios de Sherpa do Mar, isto é, as tres universidades galegas, o  Consorcio Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación, a Universidade do Porto, o Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental, UPTEC e Fórum Océano-Associaçao da Economía do Mar.

Sistema de avaliación e monitorización

Unha vez elixidos arrancará a fase de valoración, na que se porá a disposición dos participantes seleccionados diferentes medidas de apoio ao emprendemento. Por unha banda, terán dereito a un sistema de avaliación e monitorización no que se realizará un diagnóstico personalizado baseado en diferentes indicadores que avaliarán as habilidades e competencias tanto do promotor, como do equipo no seu conxunto e da propia idea de negocio. Unha vez realizada esta avaliación previa, marcarase unha folla de ruta dinámica e personalizada e, para lograr o obxectivo final, contarán con asesoramento especializado en transferencia de tecnoloxía e coñecemento.

Posteriormente, a cada un dos proxectos recomendaráselles os programas de apoio ao emprendemento da Eurorrexión que mellor se adapten ás súas necesidades e, a maiores, as principais universidades e centros de investigación da Eurorrexión ofreceranlles tamén asesoramento científico-técnico aos participantes para reforzar a base de coñecemento sobre a que se asenta a súa idea de negocio. Xa por último, daráselle tamén acceso a un marketplace web e á rede de axentes de Sherpa do Mar, o que impulsará a visibilidade destas ideas de negocio, así como o acceso e contactos e posibles investidores a nivel interrexional.

A USC participa como socio do proxecto a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento. Os outros socios son a UVigo,  Campus do Mar,  Grupo Rede, Consorcio Zona Franca de Vigo, Axencia Galega de Innovación, UDC,  Universidade do Porto, Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental, UPTEC e Fórum Océano-Associaçao da Economía do mar. Esta convocatoria forma parte do proxecto Sherpa do Mar, integrado no Programa de cooperación transfronteiriza Interreg V-A España Portugal Poctep 2014-2020.  Para a súa posta en marcha e desenvolvemento cóntase cun orzamento total de 997.184 euros.