Skip to main content
A PontenovaActualidadeSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Socialistas reclaman máis persoal para o centro de saúde da Pontenova

Por 7 Setembro, 2020Sin comentarios

A Secretaria Provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo e Deputada Autonómica, Patricia Otero insta ao Goberno de Feijoo a garantir unha correcta atención primaria no concello de A Pontenova, cubrindo as prazas do persoal médico cando estes se atopen de baixa ou de vacacións.

Otero, acompañada do Alcalde da Pontenova, Darío Campos anunciou no centro de saúde desta vila, que rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar á Xunta maior persoal para este centro sanitario. No acto tamén estiveron presentes os concelleiros Francisco Martínez e Isabel Couto.

A Deputada Autonómica advirte na súa iniciativa que “nos últimos tempos na Pontenova hai unha tendencia a reducir o número de persoal que atende o centro de saúde, aproveitando baixas e xubilacións que deixan sen cubrir. Este é o caso do número de facultativos médicos, que pasou de 3 a 2 pola xubilación dun deles no ano 2018 e que a Xunta de Galicia se nega a  repoñer, ou do paso de 2 a 1 profesional PSX. Estes recortes producen maior saturación tanto na atención médica como na organización do centro. O PAC de referencia para A Pontenova é o do concello de Meira, que en días como o sábado pola mañá ten unicamente un ATS que ten que atender tanto ao PAC como á atención domiciliaria”.

Así as cousas sinala que “o correcto funcionamento do centro de saúde é indispensable, pois é un concello de poboación moi dispersa e envellecida, con máis dun terzo da poboación por riba dos 65 anos, onde os pacientes xa contan cunhas patoloxías previas que precisan de maior atención e máis tempo de consultas. Estas características condicionan a necesidade dunha atención próxima e áxil, que precisa de maiores medios humanos para non saturar as necesidades sobre os profesionais restantes no centro. Os e as veciñas do rural merecen tamén uns servizos públicos de calidade”.

Otero denuncia que “durante varias semanas dos meses de xullo e agosto o Centro de Saúde da Pontenova só contou cun médico, xa que o outro atopábase de baixa e o goberno de Feijóo non cubriu esta praza. Un só médico non chega  para tender aos 2300 veciños e veciñas da Pontenova, e máxime na época estival na que a poboación deste concello medra”.

A secretaria provincial remarca que “o fortalecemento da atención primaria faise se cabe máis necesaria na situación que estamos a atravesar derivada da pandemia xerada pola COVID-19. Sen embargo, estamos a ver que o goberno do PP opta na Provincia de Lugo polo peche de centros de saúde ou pola non cobertura de baixas dos profesionais sanitarios da atención primaria”, lamentou.

Denuncias do persoal sanitario e dos veciños

O Alcalde da Pontenova lembra ademais que “esta situación lamentable está a ser denunciada pola veciñanza, e tamén polo propio persoal sanitario do centro de saúde, que están recollendo sinaturas para denunciar esta situación de abandono, e para que a veciñanza da Pontenova poida ser atendida con tódalas garantías médicas”.

“Estamos diante dun problema moi grave, que afecta directamente a poboación moi maior, que vive no rural, e que en moitas ocasións non teñen medios económicos para poder desprazarse a outros concellos para ser atendidos. A atención primaria ten que ser unha prioridade para calquera goberno”, resumiu Campos Conde.