Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Viveiro reabre o día 21 a piscina municipal

Por 7 Setembro, 2020Sin comentarios

O Concello de Viveiro informa aos veciños e veciñas de Viveiro da reapertura da piscina municipal, que terá lugar o vindeiro 21 de setembro cumprindo as medidas establecidas pola autoridades competentes e cun estrito protocolo para a prevención da COVID-19.

O seu horario será de luns a venres, de 8:00 a 22:10 horas, e os sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas.

Durante o tempo no que estas instalacións permaneceron pechadas, o Concello de Viveiro aproveitou para facer labores de mantemento, atendendo, ademais, ás necesidades específicas que estas instalacións requiren polo feito de levar un longo período de tempo pechadas, o que motivou, entre outras cuestións, que fose necesario proceder ao baleirado da auga da piscina.

Neste sentido, cabe destacar que se reparou e se pintaron os vasos de compensación da piscina; reparouse todo o forxado dos vasos da piscina; reparouse o sistema de filtración dos vasos e cambiouse a area de todos os filtros de depuración; rexuntáronse a totalidade dos azulexos do vaso principal, jacuzzi e chapoteo; rexuntouse a zona de praia, e repasouse o rexuntado dos vestiarios e das duchas.

Pintáronse os pasillos, o hall, os vestiarios e o ximnasio, ademais reparouse a fachada norte da piscina e tamén se pintou; reparouse a máquina deshumetadora da piscina e tamén se revisaron e repararon os sistemas de aire acondicionado e de filtración de aire; e reparouse a cuberta da piscina municipal que estaba levantada dende o último temporal o pasado inverno.

Polo que atinxe ao persoal municipal adscrito á mesma, cómpre sinalar que este concello reubicou noutros postos de traballo a parte do persoal adscrito á mesma que polas súas características resultaba posible; deste xeito, os socorristas da piscina estiveron traballando nas praias e o persoal administrativo, na casa do concello.