Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

O coronavirus dá unha tregua agás na residencia de Outeiro de Rei

Por 8 Setembro, 2020Sin comentarios

O coronavirus volveu dar hoxe un respiro ás estadísticas cos datos de onte e ofreceu 15 casos activos menos malia haber novos positivos, concretamente 18 polo que actualmente hai 801 enfermos.

Ademais, baixa a presión hospitalaria cun paciente menos na UCI e cinco menos en planta, todos eles no Hula que ten 39 persoas ingresadas. Ademais non se produciron falecementos e as altas ascenderon a 33.

Pero a situación cambiará na xornada de mañá cando se procesen os datos de positivos detectados hoxe xa que segundo informou o Sergas, un total de 94 persoas arroxaron un resultado positivo nas probas PCR realizadas na residencia de Outeiro de Rei, que conta xa con 139 maiores e 14 empregados co virus.

Debido a esta situación, a parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, esixiu ao goberno da Xunta de Galiza a intervención inmediata da residencia de maiores DomusVI de Outeiro de Rei ante os datos de infección por coronavirus confirmados. “É inadmisíbel que, vendo que na primeira onda da pandemia as residencias foron o principal foco de contaxio, a situación siga sen cambios no mes de setembro”, afirmou Olalla Rodil en alusión ao número de casos confirmados en residencias, que ascenden xa a 253.

 A parlamentaria do BNG criticou a falta de previsión e anticipación do Goberno galego ante a crise sanitaria, especialmente no caso das residencias privadas. Segundo Olalla Rodil, “a situación actual non permite improvisación, a Xunta de Galiza debe anticiparse e intervir de maneira preventiva todas as residencias privadas para garantir os dereitos asistenciais e sanitarios das persoas residentes”.

 “O caso de Outeiro de Rei é o mesmo que vimos  na residencia San Rosendo do Incio e que, vimos durante a primeira onda do virus en máis residencias do país”, afirmou Olalla Rodil, que engadiu “o Goberno galego ten que actuar xa para que esta situación non se repita nin en Lugo nin en ningunha outra comarca do país”.

A situación preocupa tamén con outros dous positivos en traballadores de residencia, un en Monforte e outro en Xove.

OUTROS GROMOS

Por outra banda, continúa estable a situación na residencia do Incio, onde hai 81 usuarios contaxiados e 33 traballadores mentres outros dez maiores usuarios do Polusa continúan vixilados. Por outra banda, seguen baixando o número de novos positivos vinculados ao gromo do pub de Lugo, que na última quenda deu 13 novos contaxiados.

Así, ata a data hai na provincia 1.430 positivos e xa curaron 1.579 persoas mentres que 50 perderon a vida.

GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.230, 161 menos que onte, polo que empeza a verse unha pequena baixada. Deles 1.413 son da área da Coruña, 801 da de Lugo, 467 da de Ourense, 371 da de Pontevedra, 346 da área de Vigo, 662 da de Santiago, e 170 da de Ferrol. Ademais de Lugo baixan o número de enfermos na Coruña e Santiago e o resto seguen a alza, en especial en Pontevedra.

Do total de pacientes positivos, 22 están en UCI, 187 en unidades de hospitalización e 4.021 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 13.965 persoas curadas, rexistrándose 663 falecementos.

Os datos de Lugo veñen de darlle a volta ás estadísticas xa e agora xa son 258 os usuarios afectados (94 máis) e 77 profesionais (7 máis).