Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Os socialistas denuncian no Parlamento a pasividade de Feijóo coa Edar de Burela

Por 9 Setembro, 2020Sin comentarios

A secretaria provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo e Deputada Autonómica, Patricia Otero denuncia a pasividade do Goberno de Feijoo coa Edar de Burela. Fixoo a través dunha batería de iniciativas parlamentarias que rexistrou no Parlamento de Galicia, coas que reclama a adxudicación destas obras, garantindo a aplicación dos fondos europeos.

A voceira de Infraestruturas explicou na súa proposta que “en Burela hai unha necesidade urxente dunha nova depuradora de augas. Xa en decembro do ano 2011 o por aquel entón alcalde, señor Barcia, admitía problemas case a diario coa depuradora, e demandaba unha nova dotación”.

Así as cousas lembra que “en abril de 2015 Augas Galicia detectaba  incumprimentos na depuradora. E en agosto de 2018 a UE avisaba a España da existencias de fallos na depuración de varios concellos galegos, entre os que incluía  Burela”, advertiu.

Remarca tamén que segundo a información da propia Xunta sinalaba que as novas instalacións da EDAR poderían estar en funcionamento no ano 2017, “pero os traballos fóronse dilatando, e a día de hoxe seguen pendentes, poñendo en serio risco a perda dos fondos europeos destinados para este proxecto, senón se realizan en tempo e forma”, lamentou.

Otero aludiu tamén a comparecencia no Parlamento de Galicia da directora de Augas Galicia. “Alí avanzou que neste mesmo ano se remataría a redacción do proxecto de saneamento para o 2020, para o que destinou no seu orzamento unha inversión de 250.001 euros, nunha obra que se prevé que rolde os 9.000.000 millóns de euros”.

Por iso “diante desta situación é preciso unha actuación urxente, xa que a perda dos fondos comunitarios comprometería seriamente a viabilidade da nova depuradora de augas residuais de Burela”, argumentou.

“Non podemos permitir que as veciñas e veciños de Burela padezan as incompetencias do Goberno de Feijóo. Nestes intres hai fondos europeos para sacar adiante este proxecto, que é vital para o noso Concello. A EDAR ten que ser unha realidade xa”, resumiu.