Skip to main content
ActualidadeO VicedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello do Vicedo recibe un dos premios de ‘Lugo Cambia ao Turismo Lucense’

Por 11 Setembro, 2020Sin comentarios

O Consello Provincial de Turismo acordou nun Pleno extraordinario celebrado por vía telemática que os gañadores da primeira edición dos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense fosen o Concello do Vicedo, a asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel e a Fundación Uxío Novoneyra; e os de …E para comer, Lugo á gastronomía lucense fosen para a aplicación Xantarda e o restaurante Cantábrico da Fonsagrada.

Estes distintivos teñen por misión recoñecer publicamente a dedicación de distintas empresas, persoas, institucións ou entidades, os méritos polo traballo realizado en prol do desenvolvemento, do fomento e da promoción turística provincial, a traxectoria profesional e a posta en marcha de actuacións innovadoras e exemplares que teñan unha repercusión positiva no ámbito do turismo ou da gastronomía lucense.

Agora a decisión debe ser aprobada pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, como órgano competente para a resolución da convocatoria dos distintivos, e posteriormente publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, abriu o debate cunha reflexión sobre a situación sanitaria e económica provocada pola pandemia da covid-19 e o seu “grave impacto” na hostalería e o turismo. “Máis alá das persoas, establecementos, institucións ou entidades que resulten gañadores nesta edición, penso que, neste momento, estes premios simbolizan un recoñecemento conxunto ao traballo realizado pola hostalería e polo turismo da nosa provincia, que amosaron unha grande capacidade de resposta”, subliñou.

Tomé Roca puxo o foco “na actitude de colaboración e compromiso á hora de adoptar medidas para loitar contra a expansión do virus, sen renunciar a unha actitude de reivindicación sensata”. Ademais, valorou positivamente as medidas adoptadas de cara á formación e reinvención do sector para aplicar novas rutinas de traballo. “Penso que esta capacidade de cambio e adaptación que mostra o turismo da provincia foi posible precisamente pola solidez das súas raíces xa que o turismo non masificado, de experiencias, de valor engadido, xa eran sinais de identidade da oferta de Lugo que agora hai que adaptar aos novos tempos”.

Os premiados

O Concello do Vicedo recibe galardón por desenvolver iniciativas e proxectos ligadas ao turismo sostible e responsable. É o caso dos Mércores de Natureza, a través dos que se impulsan actividades de turismo activo, nas que se mesturan accións deportivas, ornitolóxicas, de natureza e xeolóxicas. Tamén pola introdución dun conxunto de medidas para controla e mellorar a experiencia dos visitantes que acoden a coñecer o Fuciño do Porco e, entre outras, impulsar a Romaxe Viquinga, un evento vencellado ao patrimonio e á historia deste municipio da Mariña.

Á asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel recoñéceselle a súa dedicación e traxectoria profesional e exemplar con continuidade dende o ano 1998, o impulso de accións innovadoras para crear produtos turísticos como o Courel Son ou a posta a disposición de ferramentas Tic como turismocourel.es e vivindocourel.es.  Ademais, desenvolve iniciativas ligadas co turismo sostible e responsable, como a elaboración de guías de boas prácticas, rutas de interpretación ambiental, e entre as múltiples actividades que ten en marcha, traballa pola recuperación dos bens do patrimonio cultural e natural.

No caso da Fundación Uxío Novoneyra, o xurado premiou a súa dedicación e traxectoria profesional como institución, o desenvolvemento de accións innovadoras en materia de creación de produtos turísticos, o impulso de accións innovadoras e tamén o férreo traballo en prol da calidade turística.

A aplicación Xantarda – Onde queres ir a comer hoxe?  resulta distinguida por ofrecer información sobre os restaurantes e bares de Chantada, con información pormenorizada das súas cartas, menús do día, horarios e ubicacións. Un traballo de dixitalización da hostalería local  ofrecendo información actualizada aos visitantes e turistas, achegándoos á cociña de proximidade.

Tamén en gastronomía resultou galardoado o Restaurante Cantábrico da Fonsagrada por sacar adiante accións de promoción e fomento do consumo de produtos autóctonos por parte de empresas de restauración, profesionais independentes, entidades e colectivos públicos ou privados. Así mesmo, é o primeiro restaurante do país certificado polo CRAEGA para promover cogomelos silvestres de Monte Ecolóxico e fomenta nos seus menús a cociña de proximidade.

Entrega de premios

O premio ten carácter honorífico e consistirá na entrega dun diploma acreditativo e dun agasallo que nesta anualidade será unha peza de artesanía tradicional da provincia de Lugo. O día 27 de setembro, Día Mundial do Turismo, está previsto a celebración dun acto Salón de Actos do Pazo de San Marcos para entregar estas distincións aos premiados.

Esta é a primeira edición dos galardóns e está previsto que teñan carácter anual, segundo acordou o Consello Provincial de Turismo.