Skip to main content

O Concello de Cervo, a través das delegacións de Medio Ambiente e de Ecoloxía, promove unha campaña de voluntariado de limpeza e acondicionamento de espazos públicos co obxectivo de poñer en valor as boas prácticas individuais no noso día a día no coidado e protección da contorna, tal e como explican.

A iniciativa bautizada como “Coida Cervo”, que tamén incluirá diferentes accións didáctico-divulgativas, arrincou esta semana cunha primeira toma de contacto para identificar as diferentes zonas nas que se actuará nas vindeiras semanas.

A campaña, que terá lugar como mínimo dúas veces ao mes e que naceu para perdurar no tempo, está aberta a toda a veciñanza que desexe sumarse, e irase informando regularmente e con antelación a través das redes sociais municipais das datas, horarios e lugares nos que se irá desenvolvendo; incluíndo parques, rutas de sendeirismo e espazos públicos das zonas rurais e urbanas do Concello de Cervo.

A Administración local subministrará todo o material necesario para o desenvolvemento da actividade como luvas e bolsas de lixo para realizar a reciclaxe selectiva dos refugallos recollidos.

Esta iniciativa de concienciación ambiental tamén nos permitirá –tal e como subliñan- “reflexionar e mesmo censurar certos comportamentos incívicos que se producen con frecuencia nas nosas vilas que prexudican a toda a veciñanza e son un atentado contra o noso patrimonio natural”.

Desde o Concello apuntan que, aínda que cada vez son máis os veciños e veciñas que promoven prácticas individuais respectuosas co medio, a presenza de refugallos no chan, en lugares públicos… é unha imaxe que aínda está moi presente nos nosos pobos e que debería deixar de sernos tan familiar “por iso cremos que esta actividade comunitaria pode ser útil para seguir a incidir sobre a importancia que teñen esas simples accións rutineiras –a reciclaxe no fogar, o depósito do lixo nos colectores correspondentes…- que deben ter un papel relevante no noso día a día”.