Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

As San Lucas teñen o seu espazo nos libros de texto escolares

Por 13 Setembro, 2020Sin comentarios

As Feiras e Festas das San Lucas de Mondoñedo, que anualmente se celebran na cidade no mes de outubro e dende 1156, teñen o seu espazo de recoñecemento nos libros de texto escolares deste curso académico .

O libro de Lingua Galega da Editorial Anaya para o alumnado de quinto curso de Primaria traslada ás rapazas e aos rapaces a través das súas follas a importancia e a historia dunha das feiras con máis tradición de toda Europa. Ademais, na súa unidade catro inclúe a imaxe dun dos carteis anunciadores das San Lucas, que en cada edición son obra do mestre Xosé Vizoso.

O presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Souto, agradece este recoñecemento. “Ver as Feiras das San Lucas xunto a un dos seus carteis anunciadores, obra de Xosé Vizoso, nos libros de texto dunha das editoriais de máis prestixio, é o mellor premio ao esforzo e ao traballo que facemos os integrantes da Asociación”, considera.

Miguel Souto quere facer extensivo este “premio” a todas e todos os mindonienses,  e a todas e todos os galegos, así como aos visitantes que ano tras ano desprázanse á localidade. Así, engade que “seguiremos traballando para poñer en valor o noso patrimonio cultural, e que as San Lucas soen en todos os eidos, e cheguen a todos os lugares, porque somos un referente das feiras tradicionais, que leva, por suposto, consigo o nome de Mondoñedo”. Vivan As San Lucas!