Piden recuperar o edificio Sociedade de Fabricantes, Conservas e Salazóns de Celeiro

O Partido Popular de Viveiro vén de solicitar ao Goberno local a recuperación do edificio Sociedade de Fabricantes, Conservas e Salazóns do Norte de Galicia. Así se expresa na moción que veñen de rexistrar, e que será debatida no Pleno que a Corporación celebrará este mes.

Os populares consideran urxente a actuación do Concello respecto deste inmoble en desuso, co fin de non só mellorar o estado físico no que se atopa, senón de poñelo en valor. E é que este edificio foi a antiga sede desta importante entidade para Celeiro, construída alá polo ano 1929 en terreo cedido polo Instituto Social da Marina, con dúas plantas e unha superficie de uns 220 m2.

Deste xeito, a súa mellora tamén permitiría cumprir outro dos obxectivos: facelo útil á sociedade viveirense e poñer fin así a un proceso continuado no tempo de intentarlle buscar unha función pública que nunca prosperou nin se levou a cabo, pois tan só chegou a albergar de modo provisional o Posito de Pescadores, a pesares de que, no seu momento, se especulou con destinalo á escola náutico pesqueira ou con habilitalo para ser a sede da Delegación de Pesca.  Con todo, e unha vez cesada a actividade para o que naceu, si que se converteu nun local importante para o barrio de Celeiro ao dedicarse a bar con teléfono público e sala de xogos.

Por este motivo, dende o Grupo Popular de Viveiro entenden que a veciñanza de Celeiro, “con todo o que leva aportado ao noso Concello, ben se merece poder desfrutar dun local para actividades culturais-deportivas, sen ánimo de lucro, e que mellor que un local cheo de historia e emblemático como este”, apuntan.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: