Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Continúan as charlas e actividades de educación vial en Burela

Por 17 Setembro, 2020Sin comentarios

Comezou en Burela a Semana Europea da Mobilidade que ten programadas diversas actividades ata o 22 de setembro.  

Onte houbo dúas charlas sobre Educación Vial, impartidas por persoal da DXT, para alumnos de 4º de Primaria nos Ceip Virxe do Carme e Vista Alegre.

E hoxe, xoves, o Concello continuará coa súa campaña Garda os teus contactos, co fin de previr os contaxios de covid, en diferentes rúas da vila.

O 19 entre as 10.30 e 13.30 horas desenvolverase a ruta xeolóxica Monte Castelo e para participar será necesario inscribirse. Ás 11.00 horas haberá un obradoiro de cartón na Biblioteca Municipal, onde previamente terán que anotarse as persoas interesadas.

O 20 de setembro de 8 a 20 horas a rúa Rosalía de Castro permanecerá cortada ao tráfico entre as interseccións das rúas Eijo Garay e Curros Enríquez. E ás 18.00 horas, no Auditorio Municipal, haberá cine infantil.

O Concello de Burela lembra que as actividades de educación vial, programadas para o día 21 e 22, que ían celebrarse no IES Perdouro, terán que aprazarse debido a que se retrasa o comezo do curso. A charla de Educación Vial e o taller de Stop Accidentes están dirixidos a alumnos da ESO e celebraranse en vindeiras datas.

Ademais, durante toda a Semana Europea da Mobilidade, o Concello de Burela organiza un concurso de selfies no Instagram da Concellería de Medio Ambiente, baixo o lema Por unha mobilidade sen emisións. Entre todos os selfies que se suban sortearase unha cea, valorada en 100 euros, nun local de Burela.

Tamén durante a SEM haberá un sistema gratuíto de préstamo de bicicletas eléctricas, na praza do Concello, que funcionará de 10.00 a 13.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.