Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Seguen as obras de ampliación do dique de abrigo do peirao de Burela

Por 20 Setembro, 2020Sin comentarios

As obras da segunda fase de ampliación do dique de abrigo do peirao de Burela seguen en marcha. Esta é unha actuación que, segundo a conseilla do Mar , mellorará o abrigo para a frota e a operatividade das máis de 250 embarcacións que anualmente adoitan facer uso destas instalacións. A esta construción do segundo martelo do porto, que está a executar Portos de Galicia, a Consellería do Mar destina máis de 1 millón de euros.

No transcurso da visita, na que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, a conselleira fixo fincapé en que a misión fundamental desta acción é a de reducir a axitación do interior das dársenas, ademais de conseguir maior capacidade de atraque e servir de amortiguación á ondada que chega ao dique de abrigo.

Con ese obxectivo, as obras que están en execución consisten na ampliación do muro actual do peirao nuns 8 metros na dirección existente, sobre a base da infraestrutura actual e na prolongación do conxunto do espigón nuns 50 metros máis cunha aliñación que forme 120 graos coa actual. Deste xeito, esta nova infraestrutura terá un peirao de 5 metros de calado e cantil de 5,60 m protexido pola parte exterior con mantos de enrochado de cantos de máis de 2.000 Kg e unha explanada superior de 12 metros de anchura entre berma e cantil.

Ademais esta obra equipará ao peirao con escadas metálicas en aceiro inoxidable, defensas, bolardos de 50t e bitas de 65 quilos, instalacións de auga e electricidade, iluminación e varandas de aceiro galvanizado. En canto á duración destes traballos, que comezaron en febreiro, Rosa Quintana, sinalou que está previsto que rematen no último trimestre do ano.

A estas obras do segundo martelo súmanse as da mellora da nave de redes, que saíron a licitación cun orzamento de máis de 287.000 euros e que están en fase de contratación. Esta actuación ten por obxecto a remodelación e acondicionamento da envolvente desta infraestrutura e con ela eliminaranse as filtracións de auga na cuberta e na fachada do edificio e distintas deficiencias relacionadas coa instalación eléctrica, entre outras. Con ese obxectivo Portos de Galicia renovará mediante esta intervención as chapas das fachadas e a cuberta, substituirá as portas de acceso e a instalación eléctrica ao completo e saneará a estrutura mediante a limpeza, desoxidado e pintado do edificio da nave de almacenamento e reparación de redes. Ademais instalaranse un aseo e un almacén na zona central da nave.

A maiores o ente público reparou a cuberta da nave de Expomar, que acolle esta feira de carácter bianual. Esta actuación contou cun investimento de arredor de 40.000 euros e os traballos realizados consistiron no subministro e instalación dunha nova canle de recollida de augas en aceiro inoxidable, así como a renovación da parte superior por chapa en aluminio lacada dun milímetro de espesor. Deste xeito, renováronse as zonas máis afectadas pola corrosión.