Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Alcoa non ve realista asinar o acordo de venda antes do día 27

Por 22 Setembro, 2020Sin comentarios

O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, sinalou hoxe que “non é realista pensar que se poida asinar un acordo de venda antes do día 27 de setembro” con Liberty House, conforme ao acordado cos representantes dos traballadores.

Asó o informou a través dun comunicado de prensa, “dadas as demoras e as demandas non razoables de GFG, grupo propietario de Liberty”. Na nota, Alcoa expresa que “transcorridas case dúas semanas sen que GFG respondese”, o grupo enviou o venres unha proposta de termos e condicións (termsheet) que non amosa ningún movemento para avanzar no proceso de venda da planta de aluminio primario”.

“Segundo a súa última proposta de termsheet, parece que GFG non está interesada en adquirir a planta de aluminio, a menos que tamén poida obter o control da refinería de alúmina, asegurarse a subministración de alúmina en termos pouco realistas e evitar comprometer os seus propios fondos para o futuro da planta de aluminio”, sinala Dorado.

Alcoa defende que “negociou de boa fe durante todo o proceso e fixo varias concesións para chegar a un acordo conforme ao calendario proposto por GFG”.

Entre estas concesións, menciona o traspaso da planta de aluminio por 1 euro, a contribución con 50 millóns de euros a un fondo destinado a apoiar o futuro da planta, o pago de todos os custos necesarios para separar a planta de aluminio da refinería, e un contrato de subministración de alúmina por cinco anos en condicións estándar de mercado.

“Pola contra, GFG demandou condicións fóra dos límites do acordo asinado co comité de empresa”, critica Dorado. E engade que o seu ‘termsheet’ mantén a petición dun contrato de alúmina de 20 anos fóra das prácticas habituais do mercado, dereitos sobre unha venda futura da refinería e que non está disposta a comprometer ningún financiamento para o futuro da planta”.

A planta de aluminio, segundo Alcoa, atópase nunha situación “insostible”, debido en gran parte á falta dun marco enerxético competitivo en España que persiste desde hai anos”, segundo advirte.

Así, incide en que a planta de aluminio incorreu en perdas de máis de 110 millóns de euros nos últimos dous anos e actualmente calcula as perdas en “aproximadamente 1 millón de euros á semana”.

Por todo isto e dadas as demoras e as demandas non razoables, non é realista pensar que se poida firmar un acordo de venda antes do 27 de setembro.