Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello de Burela asinou un convenio co Club de Atletismo Local

Por 22 Setembro, 2020Sin comentarios

O Concello de Burela asinou un convenio co Club de Atletismo Local, que percibirá unha axuda nominativa de 1.900 euros. Ramiro Fernández Rey, concelleiro de Deportes, felicitou á directiva do club pola súa recente creación e lembra que estará presente nas escolas deportivas municipais. 

O edil burelés explicou que “desde o Concello de Burela, por mediación do alcalde, firmamos un convenio de colaboración cunha axuda nominativa que tíñamos para o Club Atletismo Burela, de recente creación. Este convenio é froito do compromiso que tiña o equipo de goberno con ese club para axudarlles un pouquiño nestes inicios”.

Ramiro Fernández sinalou que “é un club de nova creación que practicamente aínda non tivo posibilidade de facer ningún tipo de actividade porque se creou a principios deste ano. Queremos felicitar á directiva do club pola súa constitución porque era unha necesidade que había en Burela e que menos por parte do Concello de Burela que colaborar no inicio desta andadura”.

O concelleiro de Deportes dixo que “o Club Atletismo Burela desde o primeiro momento comprometeuse tanto co Concello de Burela como cos seus veciños e veciñas a axudar nas escolas deportivas municipais, que van ter a modalidade de atletismo. E froito diso xurde esta colaboración, que eu penso que está máis que xustificada”.

Fernández Rey engadiu que “a contía da axuda que lle imos dar nominativamente é de 1.900 euros, que lles servirá para custear os gastos dos inicios deste novo club. E para o ano que vén xa entrarán nas axudas de concorrencia competitiva, como o resto dos clubs de Burela”.

O edil socialista deséxalles “toda a sorte do mundo e o Concello intentará colaborar con eles en todo o posible para que este club teña éxito, mova xente e sirva para darlle aos veciños de Burela unha opción máis de facer deporte”.