Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello de Burela facilitará a posta en marcha dun espazo ao aire libre na residencia de maiores

Por 22 Setembro, 2020Sin comentarios

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e a concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, mantiveron un encontro con familiares e representantes dos usuarios da residencia de maiores, que demandan a creación dun espazo ao aire libre nas inmediacións desas instalacións para que poida ser empregado polos residentes. O Concello facilitará a posta en marcha desa zona de entretemento.

O rexedor contou que “tiven o gusto e a oportunidade de falar coa xente que está movendo a cuestión de facer un espazo onde poidan saír ao aire libre os usuarios da residencia de maiores que temos aquí, en Burela”.

Llano explicou que “estivemos falando moito do tema e informeilles de que o Concello está pola labor de facilitar que se faga alí un patio ao que poidan saír en quendas ou como vexan os responsables da residencia. Eu xa teño falado coa delegada territorial deste tema e penso que hai interese polas dúas partes. Imos ver se concretamos e o facemos o antes posible, sempre dentro das posibilidades que ten o Concello, que desde logo ten a vontade de facilitar que se poida facer algo desa índole para lograr que polo menos as persoas usuarias teñen unha oportunidade de saír fóra con todas as garantías sanitarias e sociais”.

Para o alcalde “foi unha boa experiencia a conversa que tivemos esta mañá coas dúas representantes dos promotores desta iniciativa. Xa me comentaron que pediron sinaturas porque hai que entender esta necesidade e este problema e eu penso que todos estamos de acordo en buscar unha solución compartida e que mereza a pena”.

A edil de Servizos Sociais, Carmela López, dixo que “estas representantes dos usuarios e usuarias da residencia de maiores de Burela instan mediante un escrito e firmas recollidas en toda a vila a que a Xunta de Galicia faga unha solicitude de cesión de espazo ao Concello para poder habilitar unha zona ao aire libre”. A concelleira burelesa manifestou que “dende o Concello de Burela, estamos totalmente de acordo en facer esta cesión á Xunta de Galicia, da cal depende o centro, xa que nos parece moi necesaria non soamente nestes momentos, senón para o funcionamento habitual do mesmo”.

Alfredo Llano, Carmela López, e o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, cursaron unha visita á residencia de maiores de Burela acompañados da arquitecta municipal e do arquitecto técnico de obras para supervisar as instalacións e ver as posibilidades que se abren para afrontar esta demanda.