Comezou o obradoiro Vencellos de memoria, que se desenvolve en Ribadeo e Barreiros

O salón de plenos do Concello de Ribadeo acolleu o acto de benvida aos rapaces e rapazas que forman parte do obradoiro de emprego Vencellos de Memoria, que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses en Ribadeo e en Barreiros. O obradoiro comeza a súa andadura con 16 xoves menores de 30 anos, que estaban en situación de desemprego, con dúas monitoras e cun administrativo. As especialidades que se imparten son: produción fotográfica e operación de gravación e tratamento de datos e documentos. Ao acto de presentación asistiron os alcaldes de Ribadeo e Barreiros, Fernando Suárez e Ana Hermida, así como o concelleiro de Economía, Desenvolvemento Local e Turismo de Ribadeo, Pablo Vizoso.

O edil dirixiuse aos alumnos do obradoiro dicindo: “quero darvos a benvida a todas e a todos en nome da Corporación Municipal de Ribadeo a este acto polo que bota a andar o obradoiro de emprego Vencellos da Memoria. Un obradoiro de emprego cofinanciado no 91% polo Fondo Social Europeo e pola iniciativa de emprego xuvenil e na porcentaxe restante pola Consellería de Emprego e Industria”.

Pablo Vizoso explicou que “é un obradoiro que presenta unha característica moi especial porque vai ser xestionado conxuntamente polos Concellos de Barreiros e de Ribadeo, o que supón un claro exemplo dos obxectivos que podemos acadar traballando conxuntamente concellos veciños e con obxectivos afíns. Tamén se trata dun obradoiro que persegue un fin principal, que é a xestión e a difusión do noso patrimonio documental, promovendo o uso das novas tecnoloxías e garantindo o seu acceso a toda a cidadanía”.

O concelleiro ribadense engadiu que “con estas bases creamos 19 postos de traballo durante un ano, 16 correspóndense cos postos do alumnado que se divide en dúas especialidades, por un lado produción fotográfica e por outra banda operacións de gravación e de tratamento de datos e de documentos. Todos os participantes teñen menos de 30 anos e estaban en situación de desemprego, e ademais todos superaron un proceso de selección totalmente obxectivo e sen influencias externas. Ata completar os 19 postos de traballo, son persoal de monitorado e administración”.

Vizoso Galdo subliñou que “como todo obradoiro de emprego, tamén neste se plantexan a consecución de determinados obxectivos. O primeiro, quizais o máis importante, que os alumnos adquiran a formación e as destrezas profesionais necesarias para poder acceder en mellores condicións ao mercado laboral unha vez remate o período do obradoiro. E un segundo obxectivo, no tocante a Barreiros, sería a adaptación do arquivo e a organización dos seus fondos mediante as novas tecnoloxías, e no que corresponde a Ribadeo, partindo xa da experiencia de ter xestionado outros obradoiros en exercicios anteriores, o obxectivo sería difundir os nosos fondos municipais servíndonos precisamente deses traballos de dixitalización realizados previamente nos últimos anos”.

O edil declarou que “como axuda, para cumprir este obxectivo de difusión á cidadanía e de posta en valor dos nosos arquivos, poñeremos tamén en marcha unha serie de actividades, algunhas de carácter máis tradicional como exposicións, xornadas de portas abertas, visitas de centros escolares ou de asociacións, evidentemente sempre que a situación sanitaria nolo permita e resulte recomendable, e outra serie de actividades máis vencelladas ás novas tecnoloxías como o uso de ferramentas dixitais, a creación de apps ou o emprego das redes sociais para difundir todo este contido almacenado nos nosos arquivos”.  

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: