Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Novo cruce de acusacións entre o Goberno galego e o PSOE pola situación de Alcoa

Por 23 Setembro, 2020Sin comentarios

O Parlamento de Galicia aprobou a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que fixe un prezo eléctrico competitivo, que pase pola aprobación dun estatuto para os consumidores electrointensivos, incrementar as compensacións por custos indirectos de CO2 e un novo sistema de xestión de demanda que substitúa á poxa por interrompebilidade. A iniciativa incorpora, ademais, a solicitude para que o Goberno central avalíe os proxectos do plan industrial de Liberty House para as fábricas de Alcoa en San Cibrao, de xeito que poidan optar ao Fondo Europeo de Recuperación.

A viceportavoz popular, Elena Candia, lembrou que o pasado 28 de maio a empresa Alcoa anunciou un expediente de regulación de emprego para 534 traballadores das súas plantas na provincia de Lugo, como paso previo ao peche das súas factorías en Galicia, “o que nos poñía ante a ameaza real de que se puxera fin á produción de aluminio en Galicia, unha materia básica e esencial para a economía galega”.

“O mero relato dos feitos é implacable co Goberno Sánchez, primeiro, e co Goberno Sánchez-Iglesias, apoiado polo BNG, despois, posto que amosa un desleixo absoluto na solución deste problema”, lamentou Elena Candia. En concreto, relatou que o 31 de outubro de 2018, a ministra Teresa Ribera anunciou por primeira vez un estatuto electrointensivo no Congreso; o 5 de febreiro de 2019, Reyes Maroto anuncia o estatuto para dentro de 3 meses; o 11 de marzo de 2019, Pedro Sánchez afirmou nun mitin na Coruña que en nove meses o seu goberno xa garantira o futuro para Alcoa; o 26 de xuño de 2019, unha vez pasadas as eleccións xerais, Reyes Maroto afirmou que se aprobaría o estatuto en canto se configurase o Goberno; e o 20 de xaneiro de 2020, logo dunha repetición electoral e co goberno de coalición xa configurado, a ministra galega Yolanda Díaz dixo que o estatuto estaría aprobado “nuns días”.

Finalmente, o pasado mes de febreiro o Goberno de España presentaron un borrador de estatuto, que “tanto desde as administracións autonómicas, como as empresas e os comités de empresa coincidiron en que era insuficiente e non garantía a continuidade das industrias electrointensivas”. Así, recordou que Galicia, Asturias e Cantabria pactaron unhas alegacións conxuntas a este borrador de estatuto, “demostrando que este non era un tema de batalla política, senón de defensa dos intereses da industria e do emprego na Mariña lucense”. 

Diante do anuncio de compra da factoría de Alcoa en San Cibrao por parte da empresa Liberty House, Elena Candia incidiu que “tanto o Goberno galego como o PPdeG colaboraremos e formaremos parte da solución, sempre que esta pase por un proxecto viable e de futuro que garanta o mantemento dos postos de traballo e da actividade dunha factoría esencial para o desenvolvemento económico de toda a comarca da Mariña”. 

Socialistas

O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, acusou hoxe ao PP de “facerlle o traballo sucio a unha empresa tan irresponsable como Alcoa”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei do PP no Pleno do Parlamento que os socialistas apoiaron “a pesares de estar completamente errada no tempo” para reivindicar unha “fronte común co Goberno do Estado” a favor dos traballadores da Mariña e do veto do PP á emenda socialista para apoiar á industria da Mariña.

O responsable socialista advertiu que a proposta do PP pedindo un prezo eléctrico competitivo a menos dunha semana de que finalice o prazo para a venta “é darlle escusas a Alcoa como se o prezo da enerxía fose a causa do peche logo de que dixeran que non continuarían aínda que fose gratis”. A proposta tamén alude, sinalou, a “fondos europeos que aínda non están desenvolvidos e que aínda non sabemos onde e como se poden aplicar”.

Seco criticou que “o PP está buscando desculpas e non solucións aos problemas dos traballadores da fábrica da Mariña”, para os que esixiu que “basta xa de ocorrencias e de discursos baleiros” que o único que fan é “darlles escusas a aqueles que queren deixar a produción e impedir que outros reanuden a actividade en San Cibrao”.

Criticou o “estraño nacionalismo de oportunidade” de Feijóo, que se presenta como “defensor a ultranza do noso país” logo de permanecer “calado” mentres o goberno do PP en Madrid estaba 6 anos, entre 2012 e 2018 sen fixar o marco regulatorio para as electrointensivas. Criticou que queiran “sacar peito” cando “o actual goberno ultima o Estatuto das Electrointensivas en apenas dous anos en minoría, con procesos electorais polo medio e co bloqueo do PP aos orzamentos”.

Emenda

O responsable socialista presentou unha emenda á proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que siga traballando na Mesa Multilateral liderada polo Ministerio de industria “para acadar resultados no proceso de venta da factoría de Alcoa en San Cibrao a un novo investidor que garanta a continuidade da actividade e os actuais postos de traballo na planta da Mariña”, que foi rexeitada polo PP

Seco lamentou o veto do PP á emenda socialista que tamén incluía “desenvolver as súas competencias en materia industrial establecidas no Estatuto de Autonomía de Galicia, elaborando un plan industrial para a Mariña de Lugo”. Os socialistas reclamaron tamén un apoio decidido da Xunta para “consolidar a actividade industrial, fomentar a aparición de proxectos emprendedores e atraian a novas empresas a dito territorio.

Criticou a falla de política industrial dos gobernos do PP á fronte da Xunta de Galicia, que provocaron que “a industria en Galicia esmoreza”, perdendo 23.000 postos de traballo dende 2009, provocando a caída do Índice de Produción Industrial un 2,5 por cento na pasada Lexislatura na que en España caeu o 0,4 por cento, e o emprego industrial galego pasou do 7,1 ao 6,6 por cento do conxunto do Estado entre 2009 e 2019.

Responsabilidade de Feijóo

O responsable socialista enumerou só parte das empresas que teñen caído en Galicia baixo a responsabilidade de Feijóo, e que “contradín a súa política de propaganda nos medios que pagamos tódolos galegos”. Lembrou así R, Vulcano, Alcoa, Isowat, Alfageme, Barreras, Poligal, Perfialsa, Caramelo, Conservas Cuca, Pescanova, ou Emesa Trefilería.

Sinalou que Galicia “necesita de políticas que fagan posible a implantación de novas empresas e a continuidade das actuais, ou do contrario o único que quedará no recordo do goberno de Feijóo en materia industrial será o anuncio de 20 buques para Barreras e a base loxística de Punta Langosteira da empresa Pemex”. Puntualizou que “daquelas promesas nunca máis soubemos, excepto dos directivos que acompañaban a Feijóo daquela e que están imputados por corrupción”.