Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O BNG de Foz esixe á Xunta os fondos para cubrir os gastos de limpeza dos colexios

Por 23 Setembro, 2020Sin comentarios

“Na xestión da crise sanitaria pola covid-19 a estratexia da Xunta foi delegar e impoñer de xeito irresponsable e indebido moitas veces nos concellos”, din dende o BNG de Foz. “No inicio do curso e tras a elaborar un protocolo por dous exconselleiros que mesmo non contan xa no novo Goberno debido a sua xestión, deixa ás entidades locais sen recursos para afrontar as medidas necesarias de cara á prevención e contención da covid-19. Tendo en conta que as competencias exclusivas en sanidade son da comunidade autónoma segundo establece o Estatuto de Autonomía, semella incrible que a Xunta obrigue a asunción destas competencias claramente impropias”, engaden. 

Neste senso, dende o BNG de Foz rexeitan que o Concello de Foz deba asumir a limpeza e desinfección dos centros educativos pola crise sanitaria antes e durante o curso escolar, o que supón un importante desembolso económico, sen recibir o financiamento axeitado por parte da Xunta de Galicia. “A responsabilidade de limpeza e mantemento dos colexios, por lei si é competencia das entidades locais, mais as tarefas de desinfección, non son competencia dos concellos, e facelo ademais sen ningún tipo de achega económica e inaceptable. A Xunta de Galicia non oferta ningún recurso económico, polo que os concellos, tamén o de Foz serán os que teñen que afrontar todo ese custe e por riba a organización do traballo”, rematan dicindo os nacionalistas.

Por todo isto o grupo municipal do BNG de Foz propón que o Pleno do Concello inste a Xunta a que asuma a desinfección dos centros de ensino do Concello e no caso de persistir en transferir aos concellos esta tarefa impropria, que a Xunta aporte ao Concello de Foz os recursos económicos necesarios xa que non é competencia do Concello.