Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello anima a participar na campaña de concienciación ‘Coida Cervo’

Por 23 Setembro, 2020Sin comentarios

O Concello de Cervo, a través das delegacións de Medio Ambiente e de Ecoloxía, anima á veciñanza a participar na campaña de concienciación medioambiental Coida Cervo, cuxo eixo principal serán as xornadas de voluntariado de recollida de lixo, pero tamén haberá charlas, coloquios, actividades prácticas, saídas de campo e campañas para incentivar a reciclaxe selectiva; entre outras.

Logo dunha xornada inicial de proba e toma de contacto que tivo lugar dias atrás para identificar as diferentes zonas nas que se irá actuando, este próximo xoves, 24 de setembro, terá lugar a primeira acción comunitaria aberta ao público. Trátase dun voluntariado de recollida de residuos de dúas horas de duración –entre as 12:00 e as 14:00 horas-; e o punto de encontro será o IES Marqués de Sargadelos. 

A fin de ter un control do aforo e por loxística da actividade, as persoas interesadas en sumarse á actividade deberán anotarse vía whatsapp no 683 31 59 39.

Esta campaña –recordan- nace co obxectivo de poñer en valor as boas prácticas individuais no noso día a día no coidado e protección da contorna.

O programa, que terá lugar como mínimo dúas veces ao mes e que naceu para perdurar no tempo, está aberto a toda a veciñanza que desexe sumarse, e irase informando regularmente e con antelación a través das redes sociais municipais das datas, horarios e lugares nos que se irá desenvolvendo; incluíndo parques, rutas de sendeirismo e espazos públicos das zonas rurais e urbanas do Concello de Cervo.

A Administración local subministrará todo o material necesario para o desenvolvemento da actividade como luvas e bolsas de lixo para realizar a reciclaxe selectiva dos refugallos recollidos ou chalecos reflectores.

Esta iniciativa de concienciación ambiental tamén nos permitirá –tal e como subliñan- “reflexionar e mesmo censurar certos comportamentos incívicos que se producen con frecuencia nas nosas vilas que prexudican a toda a veciñanza e son un atentado contra o noso patrimonio natural”.