Skip to main content

O mosteiro de San Salvador de Lourenzá é de orixe medieval situado no val do río Masma, a poucos quilómetros de Mondoñedo. Considérase fundador do mosteiro o conde Osorio Gutiérrez, que o ampliou, protexeu e actuou como mecenas, sobre un pequeno cenobio sen vida. O complexo arquitectónico foi mudando a través dos séculos e as modas construtivas, de modo que o edificio actual data do século XVII, en estilo barroco. En 1974 o conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural e hoxe acolle a Casa Consistorial.

Osorio Gutiérrez, alcumado o Conde Santo, era membro da nobreza altomedieval e recibiu herdanzas do seu pai, Gutierre Osóriz, e do seu tío, Nuno Osóriz, que tiñan amplas posesións na rexión. O 17 de xuño de 969 firmouse a carta de fundación, e o mosteiro adscribiuse á orde de San Bieito. Cando o conde enviuvou ingresou na comunidade de monxes, e xa con idade avanzada viaxou como peregrino a Terra Santa, de onde trouxo o seu propio sartego. Morreu ao pouco do seu regreso, e foi soterrado neste lugar.

Trala desamortización de Mendizábal en 1835 o mosteiro foi deshabitado e a biblioteca foi desmantelada. En 1878 o claustro maior sufriu un importante incendio. En 1910 chegou ao cenobio unha comunidade de monxes que creou un priorado dependente do mosteiro de Samos. Os novos hóspedes restauraron as partes abrasadas, retellando e recuperando o xardín do claustro. En 1942 a comunidade disgregouse, e o mosteiro pasou a ser seminario menor e foi en 1970 cando pasou a ser sede do Concello.

O templo actual construíuse a mediados do século XVIII. Iniciouse en 1735 seguindo as trazas do monxe Juan Vázquez de Samos, que despois alterou Fernando de Casas Novoa, deseñando ademais a fachada e dirixindo as obras das naves ata o cruceiro. É de pedra de granito procedente de Burela. Coñécese o proceso de construción grazas ao manuscrito conservado no propio mosteiro, de frei Benito Ponte. O edificio ten planta de cruz latina, 3 naves e cúpula sobre o cruceiro. A nave central é ancha e luminosa e nos seus laterais ábrense capelas.

Considérase a fachada como un precedente da da catedral de Santiago. A portada é de tres corpos e aos lados érguense as dúas torres (unha sen rematar). O primeiro corpo ten catro columnas, dúas a cada lado da porta. Nos intercolumnios hai imaxes de San Bieito e Santa Escolástica, e sobre a porta a da Asunción.

No segundo corpo, nun oco limitado por columnas, está a imaxe do Salvador. O terceiro ocúpao unha ventá rectangular con frontón curvo e columnas aos lados. Sobre o terceiro corpo levántase o remate cun nicho onde se garda a imaxe do Conde Santo vestido de peregrino palmeiro. Enriba hai un frontón curvo, e sobre el a imaxe da Fe.

Na sancristía consérvase un relicario do século XVII con dous bustos en madeira policromada que representan cada un un santo, coa reliquia correspondente no seu interior.

O retablo maior é neoclásico, obra de Ventura Rodríguez. Consta de banco, un só corpo e tres vías separadas por columnas de dúas en dúas, estriadas e que rematan en capiteis corintios. Sobre as columnas descansa un friso moi decorado con grilandas e cabezas de anxos, e sobre el un frontón triangular en cuxo vértice pode verse a figura de Deus Pai rodeado de anxos. No centro do retablo está a imaxe do Salvador, con Pedro e Paulo aos costados. Toda a estrutura foi pintada e dourada por Juan Bernardo del Río en 1789.

Na Capela da Nosa Señora de Valdeflores está o sartego do conde Osorio. É unha peza de mármore do século XI, entre xaspe branco e cárdeno con vetas azuis. No frontal e os costados ten unha decoración xeométrica sinxela e no centro ten labrado un crismón. Crese que o trouxo o propio Conde da súa peregrinación a Terra Santa e que chegou a Galiza por mar.

Os peregrinos que acudían ao mosteiro imploraban protección ao conde santo, mesmo despois de morrer. Rezaban unha oración ante o sepulcro ao tempo que introducían os dedos por dous orificios da parte inferior, ata tocar a caixa de madeira onde descansaba o corpo.

ASOCIACIÓN PATRIMONIO. A nova Asociación Patrimonio Laurentino, creada por veciños de Lourenzá, quere recuperar o patrimonio do seu territorio e na súa primeira idea propoñen ao Bispado de Mondoñedo-Ferrol a cesión.

Para poder levar a cabo esta idea é necesario que o bispado de o visto bo e comece un período de tramitación da cesión para poder crear nel unha residencia de maiores e nun futuro poder destinalo a fins sociais ou converterse nun espazo rentable.