Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Pleno do Concello ribadense celebrarase finalmente esta tarde

Por 24 Setembro, 2020Sin comentarios

O alcalde, Fernando Suárez, anuncia que o pleno previsto para onte se celebrará finalmente esta tarde, despois de coñecer esta mañá que todas as persoas que estiveron en contacto co funcionario positivo por Covid deron negativo. A sesión suspendeuse onte por precaución e por estar á espera de recibir os resultados das probas practicadas. Suárez Barcia insiste na necesidade de empregar sempre a máscara e de manter a distancia de seguridade.

O rexedor declarou que “no día de onte estaba convocado un pleno ordinario para tratar varios asuntos de interese para Ribadeo, e unhas horas antes da súa celebración decidimos aprazalo a consecuencia de que un funcionario estaba afectado por coronavirus, e algúns traballadores e eu mesmo tivéramos contacto con esta persoa. Aínda que en todo momento se mantiveron as distancias de seguridade e o uso continuo da máscara, decidimos hai xa un par de días, someternos a unhas probas de cribado para saber se podíamos estar contaxiados ou non”.

Suárez Barcia dixo que “afortunadamente esta mañá acaban de chegar os resultados sendo todos negativos e por este motivo, tal e como tíñamos acordado cos voceiros do resto de grupos da corporación, do PP e máis do PSOE, decidimos logo celebrar o pleno ordinario para a tarde deste xoves 24 no horario habitual das oito e media da tarde”.

O alcalde ribadense subliñou que “quixemos actuar deste xeito para descartar calquera posibilidade de contaxio ao resto de membros da Corporación e tamén do persoal municipal. Con todo, este tipo de situacións está empezando a ser habitual en todos os lugares polo que debemos empezar a tomar estas circunstancias con certa normalidade. Pero iso si, para evitar problemas maiores debemos usar sempre a máscara e manter a distancia física de seguridade”.