Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Aberto o prazo de inscrición nas escolas deportivas de Burela

Por 26 Setembro, 2020Sin comentarios

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, anunciou que do 28 de setembro ao 1 de outubro estará aberto o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais de inverno que organiza o Concello. Ofértanse 15 prazas como máximo en cada unha das seguintes disciplinas: atletismo, tenis, rutas en bicicleta, patinaxe lúdico e rugby. Todos os asistentes deberán cumprir co protocolo covid e asinar unha declaración responsable. Poderán participar nestas actividades todos os nenos e nenas nados entre os anos 2009 e 2016.

O edil burelés contou que “a Delegación de Deportes do Concello de Burela presentou as Escolas Deportivas Municipais de Inverno deste ano 2020. Despois de darlle moitas voltas debido ao covid, decidimos que imos iniciar as escolas con todas as precaucións debidas e con toda a prudencia posible, pero tamén entendemos que debemos darlle esa alternativa a toda a mocidade de Burela para que poida desfrutar do deporte e practicalo da maneira máis segura posible”.

O concelleiro burelés explicou que “este ano imos contar con cinco actividades. Van ser: atletismo, tenis, rutas en bicicleta, patinaxe lúdico e rugby. Destacamos que temos dúas actividades que son novas, que é o rugby e o atletismo. Quero agradecer ao Club de Rugby de Ribadeo BeOne, que vai colaborar con nosoutros nesta iniciativa que entendemos que pode ser atractiva para que os nenos se poidan ir introducindo neste deporte. Tamén queremos agradecer ao Club Atletismo Burela, que por medio de Simón nos vai axudar a dar as clases de atletismo, un deporte que agora está tendo moito tirón en Burela”.

Ramiro Fernández manifestou que “as persoas interesadas terán que cubrir a ficha de inscrición, que vai estar á súa disposición na Casa da Xuventude, a partir do día 28 de setembro e teñen de prazo ata o 1 de outubro para entregar esta ficha. Teñen que presentar unha fotocopia do DNI do pai ou titor do neno ou nena, o libro de familia, o xustificante de pago da taxa, que non se varía e que vai ser de 6 euros ao mes, e como novidade este ano, derivada da situación que estamos a vivir, van ter que firmar tamén un protocolo covid, unha declaración responsable, cunha serie de medidas que van ter que tomar antes de mandar aos nenos ás clases para intentar minimizar, dentro do posible, todos os riscos que poidan aparecer durante o desenrolo da actividade”.

O concelleiro de Deportes engadiu: “transmitirlle aos pais e nais que estamos nunha situación complicada, nunha situación difícil, pero desde logo desde o Concello imos poñer todos os medios ao noso alcance para que todas as actividades se poidan facer dunha maneira segura e responsable. Para o técnico municipal e a xente que nos vai axudar nestas actividades a prioridade absoluta vai ser que se dean as clases con total seguridade. Animo á xente a que se inscriba, repito que desde o Concello imos poñer todos os medios para que a actividade sexa segura. As rutas en bicicleta van ser ao aire libre, o atletismo tamén e o rugby irán alternando entre o exterior e o interior para intentar minimizar os contaxios. Imos intentar que sexan actividades seguras e que poidamos controlar, aínda que é un tema complicado garantir ao cen por cen que non haxa contaxios. Penso que hai que ir volvendo á normalidade e creo que é unha maneira de volver a ela”.

As escolas deportivas municipais de inverno empezarán o 5 de outubro e rematarán o 21 de maio de 2021.