Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Unánime protesta contra Alcoa, pola falta de acordo con Liberty

Por 28 Setembro, 2020Sin comentarios

Despois de tanta presión e de as reunións de última hora, Liberty e Alcoa non chegaron a ningún acordo para a venda de Aluminio evitando así o despedimento de máis de 500 traballadores. Nesta ocasión, os dirixentes das distintas adminsitracións así como os membros do comité de empresa cargaron contra Alcoa por esta decisión á que acusan de forma unánime de “mala fe”.

José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, comunicou trala reunión mantida hoxe no Pazo de Cea en Nigrán que “quedou claro o escrito que mandaron onte Xunta e Ministerio sobre a mala fe de Alcoa”.

“Non responderon nin a última proposta que fixo o Goberno por mediación da Sepi para mercala. Hai que lembrar que esta empresa era nacional e que no seu día a Sepi vendeuna no que foi un negocio ruinoso”, seguiu dicindo Zan, “o tema xa non é que o Estado non deixe de fabricar aluminio primario o problema é que estamos poñendo en tela de xuízo o estado de dereito, porque unha multinacional non pode poñer de xeonllos a un Goberno e un país”.

“Esperamos que sexa verdade que as dúas partes nos apoien ata o final, porque os traballadores vamos ir ata o final”, recalcou, “o secretario de industrio dixo que non se pararían as cubas e non podemos permitir que unha empresa xogue con toda unha comarca e cre un problema social dramático e que volva ao ano 1970 a toda unha comarca ou provincia”, rematou dicindo.

O Ministerio de Industria remitiu un comunicado no que advirte á multinacional de que “se abre agora outro escenario onde se tomarán outro tipo de decisións menos amigables”. Nas últimas horas, o Goberno central ofreceuse a comprar a factoría través da Sepi para despois revendela a Liberty, pero os estadounidenses negáronse.

En diferentes declaracións levadas a cabo durante toda a xornada, o sercretario de Estado de Industria, Raúl Blanco, e o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, manifestaron a súa disconformidade coa postura adoptada por Alcoa, á que culpan do fracaso das negociacións.

Nun duro comunicado, Goberno e Xunta lamentan a “mala fe” de Alcoa, que decidiu romper as negociacións “apenas unha hora antes de que finalizase o prazo establecido para chegar a un acordo”.

DEPUTACIÓN PROVINCIAL

“Como Presidente da Deputación de Lugo, quero mostrar o meu rexeitamento á decisión adoptada pola multinacional Alcoa de romper as negociacións de venda da planta de San Cibrao á empresa británica Liberty House.

Unha decisión que demostra, de novo, a mala fe, a falsidade e a dobrez coa que a empresa norteamericana actúa cara a provincia de Lugo durante os últimos anos.

Esta decisión de bloquear o proceso de venda ratifica que, dende un principio, os intereses de Alcoa en Lugo non tiñan nada que ver, nin co mantemento dos postos de traballo, nin co futuro dos traballadores e traballadoras e as súas familias, nin coa economía produtiva. A súa actitude converte nunha burla a suposta filosofía da empresa, que presume de establecer estreitos vínculos coas comunidades onde se instala, pensar a longo prazo e ser un bo veciño.

Alcoa prefire pechar unhas instalacións a vendelas e que sigan producindo e manteñan viva a toda a unha comarca, porque entende que isto pode resultarlle beneficioso e prexudicar ós seus competidores. Un exemplo de que non xoga na economía de mercado, senón na economía especulativa, allea ós intereses reais dos traballadores, das súas familias e da comarca.

O problema real destes últimos meses non foi o prezo da enerxía, algo no que o Goberno de España traballou para abaratar o custo. O problema foron as decisións xeoestratéxicas a nivel internacional adoptadas por unha multinacional que quere controlar, ó mesmo tempo, unha  produción de aluminio e o subministro de alúmina.

E o problema é tamén a herdanza dunhas privatizacións feitas polo Partido Popular, que non xeraron ningún beneficio económico e puxeron sectores estratéxicos da economía galega en mans de intereses privados que non buscaban, nin liberalizar o mercado, nin modernizar o modelo produtivo, senón actuar baixo criterios de economía especulativa, empregando a chantaxe permanente de ameazar co peche e coa redución de postos de traballo para garantir axudas públicas. Todo isto, sen mecanismos de control que velasen polo bo funcionamento das empresas.

Ante a postura de Alcoa, quero reiterar o firme apoio e solidariedade da Deputación de Lugo cos traballadores e traballadoras da fábrica de San Cibrao, cos das empresas auxiliares e coas súas familias. Tamén quero mostrar de novo o noso respaldo ós alcaldes e alcaldesas da Mariña, que veñen reclamando unha solución que manteña unha actividade económica fundamental para a comarca e para o conxunto da provincia de Lugo.

Ademais, pídolle á Xunta de Galicia, a administración que ten as competencias en industria, e ó Goberno central, que adopten todas as medidas que permite a lexislación española e europea para frear o peche da planta e impedir unha intolerable operación especulativa.

A actitude de Alcoa, vulnerando de feito as regras de xogo do libre mercado e optando por un bloqueo interesado dun plan industrial de futuro para a planta de San Cibrao, esixe unha resposta contundente por parte dos poderes públicos, así como unha reflexión acerca da necesidade de contar con mecanismos de control que garantan que a industria sexa un factor de desenvolvemento económico do territorio e non un peón sacrificable, xunto cos seus traballadores, en xogos especulativos”.

BNG

A líder do BNG, Ana Pontón, remitiu unha carta ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, cun chamamento urxente para ambos: que se senten na mesma mesa de inmediato e traballen unidos para salvar unha fábrica clave para Galiza e a única de produción de aluminio primario en todo o Estado.

“Deben sentarse hoxe mesmo para concretar os termos desa nacionalización así como as aportacións que vai facer cada quen. Desde o BNG levamos meses dicindo que esta era a solución, Xunta e Goberno central apostaron por outra vía,         que agora vemos que non dá froitos, e polo tanto tócalle a Sánchez e a Feixóo, man a man, mover ficha e sen perder nin un minuto máis, ofrecer unha proposta de intervención pública para salvar os case mil empregos directos e buscar unha vía de futuro”, demandou a portavoz nacional.

É unha proposta legal e viable, -alegou-, que xa teñen posto en práctica países como Alemaña ou Portugal e que nada impide que se faga tamén en San Cibrao, se hai vontade política. “Por que a señora Merkel en Alemaña líder dun goberno de dereitas pode nacionalizar Lufthansa por considerala estratéxica e en España o que presume de ser un goberno progresista non pode facer o mesmo con ALCOA sendo clave para Galiza e a única fábrica de aluminio primario do Estado?”, interpelou Pontón, quen tamén destacou o seu convencemento de que se a factoría estivese localizada en Madrid “xa habería sobre a mesa unha proposta de nacionalización pero parece que para os partidos estatais os problemas de Galiza non contan, que deixen de buscar escudas e se poñan a traballar. Desde o BNG imos dar a batalla para que se adopte esa solución que é legal, posible e viable”.

Neste sentido, salientou que hai recursos para facer esa intervención tendo en conta o fondo covid europeo con 140.000 millóns de euros. “Sería de delito que habendo unha solución e coa crise na que estamos inmersos Estado e Xunta permitiran que se perda emprego industrial, que deixaran caer Alcoa na Mariña cando o que necesitamos é xusto o contrario. A solución existe, só hai que ter vontade política para levala a cabo”, alegou.