Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Alfredo Llano agarda que a nova Edar sexa unha realidade no ano 2023

Por 30 Setembro, 2020Sin comentarios

O alcalde burelés, Alfredo Llano, fai unha valoración positiva da xuntanza que mantivo coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e con técnicos deste departamento para abordar varios proxectos e asuntos de interese para o Concello. Enriba da mesa estiveron o Consorcio da Auga de Cervo e de Burela, a instalación dun criadeiro de salmóns e a Edar. A estación podería ser unha realidade en 2023 si se van cumprindo todos os prazos e non xorden contratempos.  

O rexedor explicou que “con Augas de Galicia estivemos falando de varias cuestións con respecto ao Consorcio e á Mancomunidade que queremos facer das augas compartidas de Cervo e Burela. Estivemos analizando si queremos seguir con esta idea ou con outro proceso compartido, a través dunha iniciativa de Augas de Galicia. Estivemos mirando a mellor situación para dar o mellor servizo e que vaia ben para os dous Concellos. Quedamos de facer unha reunión este trimestre en Cervo”.

O alcalde dixo que “foi unha reunión moi interesante, estaban ademais da directora de Augas de Galicia, os técnicos, os arquitectos e os enxeñeiros de Augas de Galicia para asesorarme de todo o que me preocupaba e foi unha conversa moi amigable que resultou moi efectiva”.

Outro dos proxectos dos que está moi pendente o rexedor de Burela é sobre a nova Edar: “a previsión de construción da Edar imos levala para adiante o antes posible, dado que é fundamental para Burela. Por un lado para determinar con claridade un bo tratamento das augas residuais, para que sexa acorde coa necesidade de Burela tanto pola poboación como polo consumo e por toda a súa actividade. A nova planta estará preparada para atender entre 16.000 e 20.000 habitantes. Urxe facela porque cada vez que hai moita choiva manifestase o mal que está a Edar actual”. Alfredo Llano lembrou que “a nova consta de dous proxectos básicos, un deles é a propia Edar, todo aquilo que se necesita instalar para que sexa efectiva, vai ser unha planta biolóxica e coa capacidade suficiente para atender as necesidades presentes e futuras de Burela. Despois hai outra obra complementaria que é a canalización para a Edar e o emisario que fai falta construír no porto de Burela. O proxecto da canalización é posible que xa se remate a final de ano e que se faga a licitación a primeiros do ano que ven. Ademais agora mesmo se está resolvendo o proxecto executivo para a construción da Edar, para o que hai moitas empresas interesadas, calculan que en novembro estaría resolto ese procedemento e despois teñen oito meses como máximo, aínda que eu agardo que sexa menos, para resolver o proxecto. Unha vez que estea resolto xa se pasaría á licitación da obra”. 

O alcalde burelés calcula que “no ano 2023 estea rematado todo o proceso. En principio dá confianza en ver como se vai avanzando, esperemos que saia rapidamente a licitación para ter rematada toda a obra, que non vai ser fácil porque é complexa, para o ano 2023”.

Á directora de Augas de Galicia o rexedor tamén lle insistiu na necesidade de proceder á limpeza dos ríos de Burela.