Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello de Mondoñedo prepara a recuperación da Fonte Vella

Por 4 Outubro, 2020Sin comentarios

O Goberno municipal de Mondoñedo desenvolve a súa folla de ruta para a recuperación dos valores patrimoniais do municipio, que, en moitos casos, constitúen atractivos para os visitantes. Nesa liña prepara a recuperación da Fonte Vella, co fin de crear un novo recurso turístico. Para conseguir este obxectivo, o Concello de Mondoñedo levará a cabo unha serie de traballos para conservar e mellorar a integridade física e estética da fonte, degradada polo paso dos anos. No seu interior constituirase o museo sobre as traídas de auga de Mondoñedo dende o século XVIII ata a actualidade. O presuposto ascende a 36.406,96 euros, dos que, vía subvención, a Axencia de Turismo de Galicia aportará 23.664,52 euros, dentro dun convenio de  colaboración co Concello nun Proxecto de Mellora de Infraestruturas Turísticas 2020; o resto corre por conta do Concello.

As actuacións que se pretenden executar incidirán especialmente na rehabilitación das cubertas situadas na parte posterior da fonte, co obxecto de anular as actuais patoloxías existentes, que dan lugar a filtracións na galería abovedada inferior. Este habitáculo inferior, que será igualmente obxecto de recuperación, alberga diferentes conducións de auga, as cales no pasado se utilizaban como tomas da propia fonte. Consérvase, a día de hoxe, segundo a forma orixinal que xa aparecía nos planos dun expediente de 1913. 

Na rehabilitación das cubertas, os traballos de limpeza serán selectivos e prudentes, respectando en todo momento a configuración actual das lousas da cuberta e colocando novos canalóns e baixantes ocultos de zinc. Ademais, procederase á reposición doutros elementos deteriorados, tales como cancelas, portas e reixas, para os que se utilizarán materiais que se integren no entorno e sexan respectuosos co ben. 

En canto á musealización é de destacar que neste ámbito exporanse unha serie de paneis retroiluminados na que se resaltarán temas xerais como o da importancia da auga para as nosas vidas e para o asentamento de poboacións. Haberá restos das antigas canalizacións da cidade, de diferentes séculos, con explicacións e mapas que ilustren os percorridos. Reproduciranse algúns documentos importantes que se atopan no Arquivo Histórico da vila como complemento das explicacións en paneis e realizaranse varias imaxes en gran formato sobre elementos representativos da contorna.

A Fonte Vella, integrada no Conxunto Histórico da Cidade de Mondoñedo, está declarada Ben de Interese Cultural, cun grado de protección excepcional, segundo a resolución do 26 de febreiro 2020 da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Está situada nas inmediacións da Catedral, ao pé do Camiño Norte a Santiago e foi o principal abastecemento de auga á cidade ata comezos do século XX.