Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Mondoñedo impulsa a creación do Servizo de Atención Postemperá

Por 8 Outubro, 2020Sin comentarios

O Concello de Mondoñedo impulsa a creación da prestación de atención postemperá (máis de 6 anos) para complementar o Servizo de Atención Temperá que cubre as idades comprendidas entre 0 e 6 anos. Esta decisión obedece ao convencemento de que é unha necesidade real. Beneficiaranse, nun momento ou noutro, ao redor de corenta familias. A concelleira Ángeles Rodríguez Rico, tenente de alcalde e responsable de Servizos Sociais, sinala que “é necesaria a ampliación do servizo para favorecer a integración plena dos menores”. Actualmente tamén manifestaron o seu interese en participar os concellos de Meira e Pol e en Mondoñedo están moi interesados na súa integración.

No Concello consideran que é preciso prestar atención postemperá tamén para evitar que, de repente, ao cumprir seis anos, quede suspendida a atención que precisan os nenos adscritos a este servizo, polo simple feito de acadar unha determinada idade. Evitarase así que queden sen posibilidade de seguir co procedemento terapéutico que se estaban a desenvolver  debido ó lugar onde viven, dificultando así a súa integración social.

Por outro lado, este mesmo servizo de atención postemperá pode cubrir outras necesidades. Apuntan que dende o pasado verán está aberta unha minirresidencia de menores, xestionada pola Fundación Educativa e Social Dignidade, e algúns usuarios da mesma poderían necesitar atención e sesión terapéuticas que esta unidade podería resolver de xeito satisfactorio para os residentes. A entidade que xestiona esta minirresidencia é a Fundación Educativa e Social Dignidade.

Hai que recordar que no ano 2018 publicouse a orde do 27 de marzo pola que se estableceron as  bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciados polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procedeu á súa convocatoria para o ano 2018. Asinouse entón  un convenio de colaboración da Agrupación de Concellos de Abadín, Mondoñedo, Pastoriza, Riotorto, e Trabada para a creación dun Servizo de Atención Temperá (SAT) de xestión compartida por esta Agrupación, para atender á poboación infantil de 0 a 6 anos, ás súas familias e á súa contorna. Ten por obxectivo atender o máis axiña posible as necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos/as con trastornos no seu desenvolvemento ou risco de padecelos. No ano 2020 esta agrupación de concellos abarca 8 municipios, incluídos posteriormente Barreiros, Lourenzá e A Pontenova.

O Servizo de Atención Temperá leva atendidos ata o ano en curso (2020) 37 nenos e ás súas familias, que constitúe o 6,15 % da poboación de 0 a 6 anos.