Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAXoveZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Arrancan os traballos de aglomerado na vía que une Xove co Portiño de Morás

Por 9 Outubro, 2020Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, responsable directo da área de Xestión Territorial, informa de que esta semana comezaron os traballos de aglomerado na estrada provincial LU-P-2601, no concello de Xove, onde se leva meses traballando para renovar e ampliar o pavimento da vía. Unhas actuacións nas que a institución provincial inviste máis de 270.000 euros.

Esta estrada que se está acondicionando conecta a capitalidade do concello mariñano co Portiño de Morás, dando servizo á veciñanza das parroquias de Lago e Morás e tamén aos traballadores e traballadoras de varias empresas instaladas nesta zona. As actuacións afectan a case 3 quilómetros da estrada, dende o punto quilométrico 0,4 ata o 2,85. “Ampliouse o ancho  da plataforma, habilitáronse dous carrís de 2,75 metros cada un e afirmáronse as zonas ensanchadas para que agora se puidera pavimentar a calzada con aglomerado en quente”, subliña o presidente. Estes traballos de aglomerado estímase que xa queden rematados esta semana, se as condicións meteorolóxicas o permiten.

José Tomé explica que “estas obras comezaron en pleno Estado de Alarma, porque na Deputación non deixamos de traballar nas estradas durante ese tempo xa que consideramos que dende a nosa administración contribuímos a dinamizar a economía provincial, ao mantemento do emprego e á creación de riqueza nestes tempos que foron e seguen a ser excepcionais”. Engade que “con estas obras materializamos un dos principais obxectivos da Deputación, como é mellorar as comunicacións viarias, que son necesarias para verdadeiramente avanzar cara o equilibrio territorial e a igualdade de oportunidades entre toda a veciñanza da provincia de Lugo”.