Skip to main content
A PontenovaActualidadeSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Estanse a levar a cabo traballos de mellora da LU-741 ao seu paso por Pontenova

Por 9 Outubro, 2020Sin comentarios

A parlamentaria socialista Patricia Otero lamentou o voto en contra do PP a unha proposta socialista para pedirlle á Xunta que reparara os 5 quilómetros da estrada LU 741 entre A Fonsagrada e A Pontenova que transcorren por este último Concello. A responsable socialista acusou ao goberno galego de “castigar constantemente” aos 6.400 veciños e veciñas dos dous concellos sen infraestruturas acaídas, que se unen ao déficit de atención sanitaria.

A responsable socialista advertiu que “son só 5 quilómetros de firme” que se atopa nun “estado lamentable” para a seguridade viaria e que prexudican á actividade empresarial do lugar, e que “non suporía unha suma económica moi importante”. Apelou á “falla de vontade política” do PP e do goberno galego para apoiar ao Concello, e subliñou que “non queremos pensar que sexa porque na Pontenova leva moito tempo sen gobernar o PP”.

Otero preguntou “como imos crer que van arranxar o tramo da estrada cando votan en contra da nosa iniciativa e ademais teñen outros compromisos publicados no DOG dende hai 9 anos e que non saíron adiante, permitirannos que poñamos en dúbida a súa publicidade”, remachou. Aludiu así ao arranxo da estrada Momán – Cabreiros, tamén de titularidade autonómica e cun proxecto de reparación publicado no DOG dende 2011 que aínda non se executou.

Lembrou que a Deputación de Lugo “si que cumpriu cos seus compromisos e as súas obrigas rematando o acondicionamento da estrada provincial LUP – 1904 entre A Pontenova e A Fonsagrada, que enlaza coa estrada de titularidade autonómica, coa mellora do asfaltado, ampliación e limpeza das cunetas e a renovación da sinalización.

PP

O deputado do Grupo Popular Daniel Vega confirmou no Parlamento de Galicia, ante a petición do Grupo do PSOE de arranxo da LU-741, ao seu paso polo municipio de A Pontenova, que a Xunta de Galicia xa ten redactado o proxecto de mellora desta estrada e, polo tanto, xa está a  traballar na súa próxima mellora.

En concreto, Daniel Vega explicou que o Goberno galego destina ao reforzo do firme, con aglomerado en quente, á renovación da sinalización e á mellora da seguridade desta estrada 400.000 euros. “É dicir, a Xunta ten previsto facer máis que o que pide o Partido Socialista”, indicou o deputado popular.

Así mesmo, puxo en valor que “existe un compromiso claro coa nosa comarca” por parte da Xunta, tal e como se demostra no investimento de 1,8 millóns de euros nesta vía, así como nas LU-636 e LU-546; e os 1,3 millóns na que comunica A Pontenova, con Riotorto e Riotorto con Mondoñedo.

“Non entendemos, por tanto, esta actitude de despistado dos socialistas. Nós, sen embargo, seguiremos facéndolle caso á xente e xestionando orzamento para mellorar as infraestruturas e, sobre todos, os municipios máis rurais”, conclúe Vega.