Portos abre un novo procedemento de outorgamento de prazas de amarre náuticas

Portos de Galicia abrirá proximamente un novo procedemento de outorgamento por vía telemática de prazas de amarre náuticas, tanto das instalacións que xestiona directamente o ente público como daquelas xestionadas a través dunha concesión privada pero nas que o organismo portuario é o encargado de adxudicar os amarres. Deste xeito avánzase na administración electrónica e na simplificación da tramitación administrativa co obxectivo de prestar un servizo máis cómodo e eficiente aos usuarios dos portos autonómicos.

A resolución aprobada pola presidenta do ente público, Susana Lenguas, entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e poderá ser consultada tamén na páxina web do ente público. Será de aplicación ás instalacións menores, que dispoñen de prazas de pequena eslora –ata oito metros- nas que unicamente se presta o servicio de amarre, e ás instalacións de maior envergadura -portos deportivos- nas que se prestan diversos servizos a través dunha empresa ou entidade concesionaria.

Coa entrada en vigor desta resolución, as listas de espera que puidesen existir con anterioridade a este decreto quedarán sen efecto e os interesados deberán presentar unha nova solicitude por vía telemática, a través de medios online. Non obstante, abrirase un prazo preferente de 10 días naturais previos á apertura do prazo xeral de solicitude para estes usuarios que estivesen xa en lista de espera e que optarán a un posto preferente.

Polo que respecta ás solicitudes presentadas con anterioridade a esta convocatoria e que se atopen pendentes de adxudicación de praza en portos sen lista de espera, serán resoltas sen necesidade de que o solicitante teña que presentar unha nova solicitude.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: