Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’ inaugúrase este martes no IES Perdouro de Burela

Por 11 Outubro, 2020Sin comentarios

A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, homenaxe a  Carballo Calero por serlle dedicado o Día das Letras Galegas do presente ano, chegará  o vindeiro martes, 13 de outubro, ao IES Perdouro de Burela (Lugo), onde será  presentada ás 10:40 e ás 12:00 horas a dous grupos de alumnos do centro.

A estes actos asistirán familiares do profesor homenaxeado, o profesor Bernardo  Penabade (amigo da familia) e representantes do Colectivo Egeria.

A mostra, organizada polo Colectivo Egeria, con patrocinio da Xunta de Galicia e a  colaboración da Real Academia Galega e o Colexio de Fingoi, reflicte as “pegadas de  Carballo Calero en Lugo”, onde permaneceu quince anos (1950-1965), e desenvolveu  unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita.

O proxecto “Don Ricardo de Fingoi” inclúe, ademais desta exposición itinerante, un  folleto que reflicte integramente os trece paneis, e unha web e un libro con opinións e  lembranzas de ex-alumnos de Carballo Calero no Colexio de Fingoi.

No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de  doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e comezou a publicación da súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea.

A exposición ten carácter itinerante, tendo iniciado o seu percorrido no Colexio Fingoi  (Lugo) o pasado 15 de xaneiro. Superados os maiores rigores da pandemia, esta  mostra estivo na Casa Habanera de Guitiriz e no Centro de Interpretación da Mariña  de Foz. Nas vindeiras semanas seguirá o seu percorrido por concellos e entidades  culturais da provincia de Lugo.