Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A Xunta recibiu 14 ofertas de inmobles a rehabilitar co programa Rexurbe Mondoñedo

Por 11 Outubro, 2020Sin comentarios

A última convocatoria do programa Rexurbe, a través do cal a Xunta adquire edificios deteriorados para acometer a súa rehabilitación e destinalos a vivendas, recibiu un total de 14 ofertas por parte de propietarios de edificios localizados no casco histórico de Mondoñedo e interesados en vendelos.

O prazo para poder optar ao programa rematou a finais do pasado mes de agosto polo que, nestes momentos, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) está a analizar todas as ofertas recibidas antes de tomar unha decisión definitiva e notificar cales compra.

Trátase da primeira vez que se realiza en Mondoñedo unha oferta pública destas características, cuxo fin é rehabilitar os inmobles adquiridos para ofrecer vivendas de promoción pública en réxime de alugueiro aos veciños e á vez, poñer en valor os conxuntos históricos de Galicia.

A oferta lanzada pola Xunta este ano está dotada en total de 1,5 millóns de euros –dos cales 300.000 euros están reservados para Mondoñedo, aínda que a contía final podería ser maior- e servirá para dar continuidade ás realizadas nos anos 2018 e 2019, polas cales se adquiriron 37 inmobles nos concellos de Betanzos, Ferrol, Lugo, Ourense, Ribadavia e Tui.