Skip to main content

Mi Rollo es el Rock é unha banda da península da paz, San Cibrao, formada por tres mozos, Xacobe, Daniel, Chema ao que engaden Wang Xiu Ying ou O Chino, unha batería electrónica que consideran o cuarto membro.

Este grupo viña dunha experiencia anterior chamada Suaves somos todos, un tributo a Los  Suaves, trala que decidiron ampliar o repertorio ao hard rock e heavy metal estatal como Baron Rojo, Obus, Leño, Rosendo, Barricada… e como na anterior experiencia xa non usaban un nome de  banda ao uso, decidíronse que para esta ocasión sería boa idea chamar o proxecto co grito de guerra da mellor canción da historia do rock mundial, Los rockeros van al infierno de Baron Rojo.  “Unha declaración de principios á vez que unha definición da esencia e o obxectivo da banda. Non  deixamos dúbida: o noso rollo é o rock”, di Xacobe. 

Esta aventura musical comezou por casualidade xa que Dani e máis Chema foron ver un concerto de Los Suaves a Lugo a principios do 2013. “O calentón foi tan grande que pronto xurdiu a idea, e se arranxamos unhas  cancións de Suaves e as tocamos para os amigos?”, di Dani. Así, sen baixista, sen batería, sen local de ensaio, os  dous comezaron a aprender as primeiras cancións con máis ilusión que coñecemento.

A opción do baixista era doada xa que Xacobe, amigo doutras batallas musicais sumouse ao carro. Despois chegou o momento de atopar un batería aínda que costou porque o que pensaban “batería non imos ter, xa que atopar un disposto a tocar dúas horas de repertorio de Los Suaves sen nada a cambio foi imposible, tampouco é tan tolo tocar os temas coa batería programada que arranxamos para os ensaios”, engaden.

Máis tarde xurdiu o problema do local que para facer o concerto resolveuse cunha conversa con Marga, rexente do Panadeiras de San Cibrao, que se ofreceu para facelo realidade e “ese foi o empurrón final para decidir tirar para  adiante coas baterías programadas ou O Chino”, di Xacobe. 

Asi, o 14 de agosto de 2013, o grupo Suaves somos todos fixo o  seu primeiro concerto, que pensábamos ía ser o derradeiro. Pero despois empezaron a xurdir outras oportunidades para tocar e cando acabou o curso, decidiron seguir co cambio de  repertorio e de concepto.

En agosto 2014 debutaron de novo en  Panadeiras con Mi rollo es el rock “e a bóla xa non parou de rodar nunca máis”, contan. 

Alá polo 2011 o chiringuito da praia de San Cibrao serviu como lugar de reunión para os poucos rockeiros do pobo. Dani, que traballaba alí tiña por costume levar unha guitarra ao chiringuito e ás veces a cousa remataba con jam sessions a altas horas da madrugada e nunha ocasión, “Xacobe incluso trouxo o baixo e  posiblemente aí plantouse a semente do que acabaría sendo Suaves somos todos e Mi rollo es el rock”.

Estes rapaces dende cativos eran apaixoados do rock e o heavy metal, “o  heavy metal é unha forma de vivir, de sentir. Vives heavy metal, durmes heavy metal, comes  heavy metal… sempre hai música soando na túa cabeza. Un día pensas en coller na man un  instrumento, empezas a aprender cancións, montas grupos por aquí e por aló… e xa non podes  parar”, di Xacobe. Engaden que se xubilarán cando o seu corpo non poida máis, pero mentres lles quede un chisquiño de forza, tocarán heavy metal para quen os queira escoitar. Ademais son traballadores dos metais, lixeiros e pesados, como non podía ser doutra forma e da cerámica tamén.

A súa música non é súa, como din, “é do mundo. Tocamos temas lexendarios de bandas lexendarias do hard rock e heavy metal mundial no que hai temas de Iron Maiden, AC/DC, Metallica, Twisted Sister”.

Contan que hai moita polémica coas banda tributo, pero pensan que son moi necesarias e ademais ningunha lle quita público ou cartos á banda orixinal, non é competencia desleal. Algunhas bandas incluso xa non existen por iso se poden definir como orquestra de heavy metal, pero a súa maneira. “Gustanos o corpo a corpo,  remexernos co público, facer un show entretido á vez que tocamos os mellores temas da historia  do rock”, din.

Tamén lembran o seu primeiro concerto “co primeiro grupo foi unha experiencia maravillosa e xa con Mi rollo es el rock foi incluso mellor. Os  temas máis variados fixeron que a xente toleara. Todo o mundo cantando as cancións, sudando con nós, vivindo a música. É moi difícil esquecer un momento así.

A covid-19 truncou os seus plans de concertos “no noso caso particular,  foi terrible xa que non somos unha banda de estar separados do público, o noso punto forte é a interacción coa xente, meterse no medio deles e facerlles partícipes do espectáculo, suar con eles. Na situación actual, e moi difícil facer un bolo ao 100%. Pero esperamos que a cousa mellore o ano que ven”, engaden.