Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ribadeo ofrece as instalacións da aula CeMit ás familias e ao alumnado

Por 14 Outubro, 2020Sin comentarios

A Concellaría de Igualdade, Ensino e Mocidade e a Aula CeMIT de Ribadeo poñen en marcha unha iniciativa de asesoramento e apoio tecnolóxico, dirixida a familias e alumnado, para resolver todas aquelas dúbidas que poidan aparecer á hora de traballar nas plataformas dixitais educativas que utilicen os centros de ensino do concello ribadense e tamén ofertar as instalacións da Aula CeMIT, dotadas de equipos informáticos e conexión wifi, como centro de traballo.

A concelleira Mariluz Álvarez Lastra explicou que “dende a Concellaría de Igualdade e de Ensino do Concello de Ribadeo e da Aula CeMIT queremos informar dunha nova iniciativa neste caso de asesoramento e apoio tecnolóxico, dirixido ás familias e ao alumnado do noso concello, para resolver todas aquelas dúbidas que poidan aparecer á hora de traballar nas plataformas dixitais educativas que utilicen os centros de ensino do noso concello, e tamén ofertar as nosas instalacións, que están dotadas de equipos informáticos e conexión wifi, como centro de traballo”.

A edil ribadense sinalou que “nestes momentos que estamos vivindo da covid-19, moitas veces os rapaces e as rapazas, os nosos fillos e as nosas fillas, teñen que facer traballos telemáticos e se existe tamén algún problema de confinamento van utilizar as plataformas dixitais”.

Álvarez Lastra subliñou que “dende o Concello de Ribadeo, facéndonos eco desta necesidade, queremos poñer a disposición de todos aqueles país, nais, familias e alumnado en xeral as instalacións da Aula CeMIT, é dicir, do telecentro do noso Concello, que ten un horario polas mañás de luns a venres, desde as nove ata a unha, e polas tardes de luns a xoves, desde as catro ata as seis e media, para que poidan utilizar as súas conexións, os seus equipos informáticos, e incluso que o propio técnico lles poida axudar naquelas dúbidas que poidan ter respecto ás plataformas dixitais e que queiran facelo”.

A concelleira de Igualdade, Ensino e Mocidade engadiu que “para facelo máis fácil e para asegurarse de que esa persoa vai estar alí, e que lles dea cita ou que lles poida axudar, poden chamar ao teléfono 982 120 732. Como digo é unha iniciativa de asesoramento e apoio tecnolóxico dirixido tanto ás familias como ao alumnado do noso concello”.