Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

A Xunta declara o sector electrointensivo galego esencial e estratéxico para a economía

Por 15 Outubro, 2020Sin comentarios

O sector electrointensivo galego será esencial e estratéxico para a economía da Comunidade, tal e como se acordou na reunión desta mañá do Consello da Xunta. Deste xeito, o Goberno galego cumpre o compromiso adquirido o pasado mes de xullo, cando se presentou o Plan da Xunta para esta industria.

O Consello adopta esta decisión tendo en conta que a actividade industrial  é esencial para o crecemento e desenvolvemento económico da Comunidade e que é responsabilidade dos diferentes gobernos incluír políticas nas súas axendas que impulsen e desenvolvan a longo prazo o sector. No caso concreto da industria electrointensiva, ademais, ten un importante peso en Galicia, xa que supón o 5,7% do valor engadido bruto (VAB) e representa case a metade (45,2%) do sector industrial galego.

Unha industria que engloba o sector do aluminio (Alcoa, Cortizo, Aluman, Exlabesa e Extrugasa), pero tamén a siderurxia (Megasa e Celsa), a metalurxia non férrea (Ferroatlántica e Xeal), a fabricación de cementos (Cementos Cosmos), a transformación da madeira (Finsa, Grupo Tojeiro e Intasa) e os sectores papeleiro (Ence), químico (Showa Denko Carbon Spain) e conserveiro (Jealsa e Frinsa) e que se caracteriza porque o custo enerxético da súa actividade pode chegar a supoñer un 50% dos custos de produción, polo que a electricidade é un factor primordial nos seus procesos.

Grazas a esta declaración, as empresas que integren o sector electrointensivo de Galicia que presenten proxectos de ampliación, modernización ou transformación e cumpran, alomenos, dous dos seguintes requisitos -xeración de 25 ou máis postos de traballo directo baixo a modalidade de contrato indefinido a xornada completa; que impliquen un investimento en activos fixos igual ou superior a un millón de euros; que sexan tractores ou complementen cadeas de valor- terán con carácter automático a consideración de iniciativas empresariais prioritarias. Isto outorga carácter prioritario aos trámites que son competencia do Goberno autonómico para a implantación e posta en marcha do proxecto, reducindo os prazos administrativos á metade, sempre e cando manteñan os requisitos exixidos e cumpran as directrices autonómicas a nivel lexislativo, técnico e medioambiental. Así mesmo, serán obxecto dun seguimento personalizado e específico desde a Oficina Doing Business Galicia ata a súa implantación.

Con este acordo, a Xunta intenta avanzar na defensa do sector electrointensivo en Galicia e, polo tanto na adopción de medidas que permitan manter a actividade e o emprego vinculado a este sector nun momento de especial dificultade, tendo en conta situacións como a de Alcoa San Cibrao. O peche do proceso de fabricación de aluminio primario tería impacto sobre máis dun milleiro de empregos, por iso desde a Xunta seguiranse ofrecendo solucións que permitan dar viabilidade e futuro a esta importante industria.