Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Viveiro insta á Xunta e TSXG á creación dun terceiro xulgado de primeira instancia e instrución

Por 16 Outubro, 2020Sin comentarios

O Concello de Viveiro debatirá no próximo Pleno unha moción da alcaldía para instar á Xunta de Galicia e ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a realizar cantas accións sexan necesarias en aras a lograr a creación dun terceiro Xulgado de 1ª Instancia e Instrución no Partido Xudicial de Viveiro.

“Os Xulgados de Viveiro veñen sufrindo unha elevadísima carga de traballo, constatada polas inspeccións realizadas nos últimos anos, que está a afectar aos máis de 45.000 mariñáns que dependen do mesmo. Trátase dunha situación que se vén prolongando no tempo e que trae graves consecuencias para os veciños e veciñas que sofren a demora na tramitación dos distintos expedientes xudiciais”, recolle o texto da moción.

O Concello de Viveiro, así como os traballadores e traballadoras do xulgado, levan anos demandando a creación dun terceiro xulgado neste partido xudicial, que debe considerarse como unha necesidade urxente ante este exceso de traballo acreditado polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Precisamente, tendo en conta que o problema de espazo era un dos problemas para a creación deste terceiro xulgado, o concello xa cedeu o edificio contiguo para este fin.

Na xurisdición civil, os Xulgados de Viveiro superan nun 61% os módulos aprobados polo Ministerio de Xustiza e do Consello Xeral do Poder Xudicial, tal e como consta nos seus propios informes; na xurisdiccion penal logrouse reducir a pendencia en Viveiro polo enorme sobreesforzo do persoal xudicial; e en materia civil, aínda así, está a resultar imposible tendo en conta a tendencia ascendente das demandas que entran nos xulgados nunha soa anualidade.

Neste sentido, cabe lembrar que o Concello de Viveiro realizou as xestións oportunas para a formalización da cesión de uso gratuíto de varios locais de titularidade municipal para a ampliación dos xulgados de Viveiro e a creación dun terceiro Xulgado de Primeira Instancia e Instrución a favor da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Pavillón en Covas

Nunha segunda moción, o grupo socialista instará á Ceip Plurilingüe de Covas, para que así puidese contar cunha pista ao aire libre e outra pechada.

No caso de non resultar posible a construción dun pavillon cuberto, o concello instará á Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a cubrición e peches laterais da pista deportiva actual e mais o arranxo das deficiencias existentes no espazo ao aire libre.

O novo colexio de Covas foi inaugurado hai xa 28 anos, en 1992. Na actualidade conta con 190 alumnos e alumnas, 19 docentes e 2 traballadoras de persoal non docente (unha conserxe e unha coidadora).

No centro impártese Educación Infantil, cun total de tres aulas, e Educación Primaria, con seis aulas. Ademais, dispón de aulas de música, de audición e linguaxe, de pedagoxía terapeutica (apoio), de inglés e de desdobres (ética, relixión, etc.), así como dunha biblioteca e dun pequeno ximnasio.

O centro carece dun polideportivo ou patio cuberto dende os seus inicios, a pesar de que na parte traseira, onde se ubica a pista deportiva, hai unha superficie na que ben podería encaixar a construción dun pavillón cuberto.