Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Arias destaca os investimentos realizados en portos lucenses

Por 17 Outubro, 2020Sin comentarios

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, mantivo varias reunións de traballo co sector pesqueiro de Celeiro e Burela, co fin de establecer unha primeira toma de contacto e valorar as liñas de colaboración que manteñen co Goberno galego así como as recentes actuacións realizadas por Portos de Galicia na mellora das infraestruturas portuarias. En conxunto, indicou, suman achegas por máis de 3,2 millóns de euros no último ano.

Nas xuntanzas participaron o xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo,  Sergio López; o presidente de ABSA, Abelardo Basanta, e o patrón maior de Burela e presidente da Federación Provincial de Confrarías de Lugo, Basilio Otero. En Celeiro asistiron o patrón maior da confraría, Domingo Rey, e representantes de Porto de Celeiro, entre eles o seu presidente Jesús Novo.

Arias visitou a sede da confraría burelá e as instalacións portuarias de ambos municipios, e fixo referencia ás obras de infraestrutura que está a executar a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, “para mellorar a operatividade e a seguridade das embarcacións e facilitar o desenvolvemento das actividades pesqueiras, proporcionando unhas instalacións modernas e competitivas”, segundo afirmou.

Ao respecto, o delegado explicou que o investimento nesta materia nos peiraos lucenses no último ano supera os 2,4 millóns de euros.  Así mesmo, a través de distintos programas de apoio, a Consellería do Mar achegou 860.000 euros ás organizacións de produtores de Celeiro e Burela, á Federación Provincial de Confrarías e ás confrarías locais de Burela, Celeiro-O Vicedo, San Cibrao e Ribadeo.

Proxectos en marcha

Javier Arias destacou o investimento en Burela, con preto 1,4 millóns de euros destinados aos traballos de ampliación e mellora de abrigo do porto, que están na súa recta final, á remodelación da nave de redes -próxima a adxudicarse-, ás reparacións executadas na nave de redes de Expomar, así como á nova cuberta para os departamentos de armadores da Confraría e outras melloras previstas para os vindeiros meses.

O delegado adiantou que está previsto que comecen a vindeira semana as obras na cuberta da nave de redes de Celeiro e continúan os traballos de construción dos novos aseos na nave de redes do cerco, cun importe conxunto de 71.000 euros. Recentemente tamén rematou a dragaxe do peirao pesqueiro así como na canle de acceso ao porto e no peirao deportivo, cun orzamento de 855.000 euros.

A Consellería desenvolve proxectos de mellora noutros portos da provincia, nos que inviste 86.000 euros, como plans de seguridade e sinalización, as obras en execución en Ribadeo -no espigón norte e no sistema de pesada do peirao comercial- ou a actuación que dará comezo a vindeira semana no Vicedo e que afectará á iluminación e o abastecemento.